Pestanas principais

Durante o mes de maio a Policía Local colaborou na extinción de dous incendios e evitou que unha persoa se tirase dende a ponte do paseo de Bertamiráns

Xoves, 08 de xuño de 2017

[08-06-2017] Durante o pasado mes de maio os axentes da Policía Local realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria a través das cales detectaron a unha persoa que conducía baixo os efectos do alcol, colaboraron na extinción de dous incendios no Milladoiro e Fraíz, evitaron que unha persoa se tirase dende a ponte do paseo de Bertamiráns, incautaron sustancias estupefacientes, interviron nun presunto caso de violencia de xénero, colaboraron coa Garda Civil na detención dunha persoa e axudaron a unha muller que andaba desorientada polo tratamento psiquiátrico que ten que tomar.

O 7 de maio na quenda de tarde os axentes recibiron o aviso dun incendio nas proximidades do cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Para extinguir o lume foi necesaria a presencia do Grumir de Brión debido as dimensións do mesmo. Un días despois, o 12 de maio, na quenda de tarde recibiron unha chamada alertando da caída dunha persoa maior na rúa Agrelo de Bertamiráns. Trasladados ao lugar dos feitos, os axentes axudaron a dita persoa, e debido ás feridas que presentaba, foi trasladada en ambulancia ao centro médico.

Asemade, os axentes da Policía Local, cando se encontraban realizando servizo de patrulla por Bertamiráns, observaron como dous varóns facían un intercambio un tanto sospeitoso. Achegados ao lugar, un deles deuse a fuga podendo localizalo posteriormente. Incautáronselle sustancias estupefacientes (marihuana e haxix), e realizaron as correspondentes dilixencias para a Subdelegación do Goberno coa remisións das sustancias para a súa análise.

O día 16 de maio pola tarde, foron alertados da presenza dunha señora deambulando polo medio da estrada no Milladoiro. Trasladados inmediatamente ao lugar dos feitos comprobaron que a persoa se encontraba baixo os efectos de bebidas alcohólicas. De inmediato achegouse ao lugar un coñecido de dita persoa e informoulle aos axentes que está baixo tratamento psiquiátrico. Deste xeito, colaborouse cos familiares achegados á zona para o seu trasladado e a súa posible valoración médica.

Evitaron que unha persoa se tirase da ponte do paseo de Bertamiráns
Por outra banda, o 19 de maio, ás 18:27 horas, a Policía Local foi alertada da presenza dunha muller con claras intencións de tirarse dende a ponte do paseo de Bertamiráns. Trasladados inmediatamente a este lugar, compróbase a presenza dunha muller situada por fóra da varanda con intención de tirarse. Mentres un dos axentes falou con ela, para captar a súa atención, o outro integrante da patrulla conseguiu inmobilizala coa posterior axuda do primeiro axente. Así, conseguiron levala de novo para a beirarrúa e solicitar asistencia médica para a súa oportuna valoración, sendo trasladada ao CHUS por efectivos do 061.

O pasado 21 de maio, na quenda de mañá, os axentes do corpo de seguridade realizáronlle unha proba de alcoholemia ao condutor dun vehículo obtendo un resultado positivo, mentres que pola tarde recibiron un aviso da Garda Civil por un posible delito de violencia de xénero no Milladoiro. Unha vez no lugar dos feitos procédese á detención do suposto agresor.

A Policía Local tamén realizou as correspondentes dilixencias por mor dun menor, posiblemente, en situación de desamparo, debido ás alertas veciñais por ruídos a altas horas da madrugada no seu domicilio. Tamén colaboraron coa Garda Civil na detención dun veciño de Bertamiráns con varias requisitorias xudiciais. Por último, tiveron que intervir nun incendio rexistrado o pasado 25 de maio no lugar de Fraíz.