[02-12-2016] Entre o 2 e o 30 de decembro a sala de exposicións da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a mostra fotográfica "Lembranzas", que está organizada por AGADEA, e na que colaboran o Concello de Ames, o fotografo Manuel Rey e Jina Estrada Photo. Trátase dunha exposición contra o esquecemento organizada co gallo do Día Mundial do Alzheimer, que pretende achegar á sociedade o día a día das persoas que sofren esta enfermidade e sensibilizar sobre a importancia contra a súa loita, que pode afectar en Galicia a unhas 100.000 persoas.


Dita exposición é un dos actos que organizou a Asociación Galega para Axuda Dos Enfermos con demencia tipo Alzheimer (AGADEA) con motivo do Día Mundial do Alzheimer. Trátase dunha mostra fotográfica que comezou no mes de setembro e que percorrerá diferentes concellos e entidades. O primeiro lugar da exposición foi o Centro Comercial de Área Central, en Santiago de Compostela, do 5 o 18 de setembro de 2016. Despois expúxose no Edificio do Novo Mercado, na Estrada, do 19 o 30 de setembro. Tamén estivo en Riveira, no centro sociocultural Lustres Rivas, e agora exporase na Casa da Cultura de Bertamiráns en Ames.
Algunhas das fotografías pertencentes aos usuarios e usuarias do servizo de estimulación terapéutica de Santiago de Compostela, A Estrada e Riveira, pero outras foron realizadas por fotógrafos profesionais (o fotógrafo Manuel Paz, que realizou as fotografías de maneira totalmente voluntaria en Riveira, e Jina Estrada Photo que realizou as fotografías en Santiago e A Estrada). Os veciños e veciñas de Ames poderán ver esta mostra na sala de exposicións da Casa da Cultura de Bertamiráns dende o 2 ata o 30 de decembro. Esta exposición conta con 33 fotografías e un panel informativo.
AGADEA é unha asociación sen ánimo de lucro, constituída en 1994 por un grupo de familiares de enfermos de alzheimer para buscar xuntos respostas, compromisos, apoios e recursos necesarios para coidar mellor, e con menos dificultades, aos seus enfermos. As actividades desta asociación organízanse para dar solución ás cuestións xa mencionadas, particularmente, reafirmando e mellorando a xestión de servizos, tanto de asesoramento aos familiares como de asistencia aos propios enfermos, e actividades de difusión para achegar á poboación ó coñecemento desta enfermidade.




