Pestanas principais

Durante o mes de decembro haberá novas sesións de contos e obradoiros nas bibliotecas municipais

Luns, 01 de decembro de 2014

[01-12-2014] As bibliotecas municipais de Ames continúan coa programación de actividades de animación á lectura durante o mes de decembro. As novas sesións de contacontos deste mes, como é habitual, desenvolveranse nas bibliotecas de Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Bugallido e Augapesada cada quince días. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Durante este mes a temática dos contos xirará arredor das festas de Nadal, mentres que nos obradoiros os nenos/as elaborarán adornos e postais de Nadal.

Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Durante o mes de decembro haberá novas sesións de contacontos que tratarán sobre as festas de Nadal. Estas sesións de contacontos comezan o luns, 1 de decembro, no local social de Augapesada, e continuarán o martes, 2 de decembro, no local social de Bugallido. O mércores 3 de decembro tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 4 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns.

As sesións de contacontos continúan durante a terceira semana deste mes. O luns, 15 de decembro, no local social de Augapesada, o martes 16 terán lugar no local social do Bugallido, o mércores 17 na Biblioteca municipal de Bertamiráns e o xoves 18 na Biblioteca municipal do Milladoiro. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Todas as sesións de contacontos comezan ás 18:00 horas.

Obradoiro de elaboración de adornos e postais de Nadal
Ademais, este mes a Biblioteca municipal de Ames organiza obradoiros de elaboración de postais e adornos de Nadal. Estas actividades desenvolveranse despois das sesións de contacontos. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 530 807 pertencente á Biblioteca municipal de Ames.