Pestanas principais

Durante o curso 2012-2013 a Rede Municipal de Comedores Escolares prestará servizo a uns 1.104 nenos e nenas

Sábado, 08 de setembro de 2012

[08-09-2012] A Rede Municipal de Comedores Escolares reinicia a súa actividade a próxima semana co fin de atender a uns 1.104 nenos e nenas, dos cales 106 necesitan un tratamento alimentario especial, que asistirán aos comedores escolares durante o curso 2012/13. Este servizo, que está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, ofrécese nos centros de ensino do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, EEI Milladoiro, CEP de Ventín e CEIP de Barouta. Este ano como novidade vaise suprimir a axenda en papel, onde se recolle o que come o neno/a durante o xantar, por unha axenda electrónica que se porá en funcionamento cara finais de ano. No orzamento do exercicio 2012, que foi aprobado a semana pasada, destínanse máis de 1,4 millóns de euros ao funcionamento da Rede Municipal de Comedores Escolares.

Un ano máis coa chegada do mes de setembro o persoal que traballa na Rede Municipal de Comedores Escolares volve ao traballo co obxectivo de atender a máis de 1.000 alumnos e alumnas que cursan os seus estudo nos centros de ensino de Ames. Concretamente son 1.104 os nenos e nenas que este curso está previsto que acudan diariamente aos comedores escolares dos centros de ensino amienses. Este ano bátense todas as marcas e dende que comezou a funcionar este servizo, alá polo ano 2003, será o curso que máis alumnos/as se atenda nos comedores escolares. Precisamente, ao final deste curso cumprírase unha década dende a posta en marcha deste servizo.

Ano a ano segue medrando o número de usuarios/as dos comedores escolares de Ames, un servizo que se converteu nunha referencia na comarca e incluso a nivel autonómico. Durante o curso 2009-2010 o servizo dos comedores escolares foi empregando por 800 alumnos/as; no curso 2010-2011 foron 983 os usuarios deste servizo; mentres que no curso pasado 2011-2012 un total de 1.058 alumnos/as empregaron o servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares. Durante os últimos catros anos experimentouse un incremento de 304 alumnos/as.

Por primeira vez este ano introduciuse a progresividade no pago das taxas dos comedores escolares e tívose en conta a renda per cápita de cada unidade familiar. A aplicación deste sistema de pagamentos non foi un impedimento para que seguise medrando o número de usuarios/as dos comedores escolares, todo o contrario, incentivou o uso deste servizo. Deste xeito, establecéronse cinco tramos para aboar as taxas dos comedores e paga máis quen máis ten. A través deste sistema as familias con salarios máis baixos non se lles aplicou a suba de taxas.

Dende a concellaría de Servizos estase traballando para introducir melloras na relación entre os pais/nais e a Rede Municipal de Comedores. Este ano como novidade vaise suprimir a axenda en papel, onde se recolle o que come o neno/a durante o xantar para que os pais/nais poidan completar a inxestión durante a merenda e a cea, por unha axenda electrónica que se porá en funcionamento cara finais de ano. Deste xeito, os pais e nais do alumnado poderá obter información diaria e tamén se poderá evaluar a evolución do neno/a ao longo do curso.

Tratamentos alimentarios especiais

Cómpre destacar que o Concello de Ames dispón dunha técnica en nutrición e dietética que, en colaboración coa coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares, é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente de xeito que non se repiten e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada ofrecidos puntualmente polo proxecto Lentura deste Concello. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais. Durante o curso 2012-2013 haberá que atender un total de 106 casos de tratamento alimentario especial.

Ao mesmo tempo que aumenta o número de usuarios tamén incrementan os de tratamentos alimentarios especiais. Deste xeito, no curso 2009-2010 houbo 78 casos de tratamento especial; no curso 2010-2011 atendéronse 87 casos; e no curso pasado foron 99 os nenos e nenas que necesitaron un tratamento especial debido a algunha enfermidade, alerxia ou intolerancia. Estes alumnos/as sempre deben presentar un informe médico que xustifique ese tratamento especial.

Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Servizos complementarios de Bos días cole e Tardes divertidas

De xeito paralelo ao servizo de comedores escolares desenvólvense os servizos complementarios de Bos días cole e Tardes divertidas, que permiten a conciliación da vida familiar e laboral durante as mañas (antes do comezo do colexio) e polas tardes (tras o remate do colexio). Durante o curso 2012 – 2013 están matriculados no servizo de Bos días cole un total de 229 nenos/as, mentres que en Tardes divertidas hai inscritos 103 alumnos/as.

A nutricionista municipal tamén realiza un control dos menús das escolas infantís municipais, A Madalena no Milladoiro e O Bosque en Bertamiráns, onde se atende uns 211 nenos e nenas de 0 a 3 anos. Ao mesmo tempo os servizos complementarios Bos días cole e Tardes divertidas tamén requiren a atención da nutricionista, que atende as necesidades especiais dos almorzos e merendas e supervisa os menús ofrecidos polas empresas de monitores adxudicatarias destes servizos. Deste xeito, 25 nenos e nenas de Bos días cole e 12 nenos/as de Tardes divertidas dispoñen dun almorzo e merenda supervisada.

Convenio coa Xunta de Galicia

Este ano o Concello de Ames conseguiu, por primeira vez dende que comezou a prestarse este servizo, financiamento alleo para xestionar a Rede Municipal de Comedores Escolares. No pasado mes de xullo o alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, un convenio dotado con 60.000 euros para a xestión do servizo de comedor nos cinco centros educativos amienses para o curso 2012-2013.

O rexedor amiense explicou que se trata dun convenio moi positivo para o Concello de Ames, xa que se trata do primeiro acordo de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello. Santiago Amor incidiu en que, deste xeito, “se cumpre o compromiso adquirido polo actual Goberno de lograr apoio económico da Xunta de Galicia para a rede de comedores escolares”.

Este foi o segundo acordo alcanzado cunha institución para a Rede Municipal de Comedores Escolares, tras a cesión ao Concello de Ames por parte da Deputación da Coruña dun vehículo para o transporte de alimentos elaborados.

O alcalde engadiu que o Executivo amiense “está poñendo todos os medios ao seu alcance e segue traballando para manter a calidade e para a mellora da rede de comedores. De feito, no orzamento que vén de aprobarse a semana pasada destínanse máis de 1,4 millóns de euros ao funcionamento desta rede”.