Pestanas principais

Durante o ano 2013 en Ames rexistráronse un total de 1.521 doazóns de sangue

Mércores, 09 de abril de 2014

[09-04-2014] Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2013 en Ames rexistráronse un total de 1.521 doazóns de sangue, o que supón un incremento do 9% na participación con respecto ao ano 2012. A taxa de doazón rexistrada foi de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes. Para seguir incrementando os datos de participación a localidade do Milladoiro recibirá a unidade móbil de doazón o próximo luns, 21 de abril, mentres que en Bertamiráns estará o xoves 24 e o venres 25 de abril. No que vai de 2014 xa se realizaron 346 doazóns (188 en Bertamiráns, 156 no Milladoiro e 2 en Biduído).

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan todos os meses varias campañas de doazón de sangue nas localidades amienses. Normalmente, a unidade móbil de doazón de sangue visita cada mes o Concello de Ames co obxectivo de intentar facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns amienses. As localidades que acollen a unidade móbil de doazón soen ser O Milladoiro e Bertamiráns, así como a parroquia de Biduído.

Segundo se desprende dos datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2013 en Ames rexistráronse un total de 1.521 doazóns de sangue. Isto supón un incremento de 130 doazóns (un 9%) respecto ao 2012, xa que durante ese ano houbo un total de 1.391 doazóns. A taxa de doazón rexistrada en 2013 foi de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes, mentres que a taxa de 2012 foi de de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes. Polo que houbo un incremento de 4 doazóns por cada mil habitantes.

Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito pasouse das 348 doazóns do ano 2003 ás 1.521 rexistradas en 2013. Tendo en conta os datos entre os anos 2003 e 2013 experimentouse un incremento do 244%. O número de doazóns detallado por anos foi 348 doazóns en 2003; 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; 1.391 en 2012 e 1.521 en 2013.

Por outra banda, hai que destacar que a localidades con maior número de doazóns durante o ano 2013 foi Bertamiráns con 855, mentres que no Milladoiro houbo 665 e en Biduído rexistrouse 1 doazón. Ademais, hai que destacar que en 2013 houbo un total de 115 novos doadores (67 en Bertamiráns e 48 no Milladoiro).

Campañas de doazón durante o mes de abril
Neste mes de abril continúan as visitas da unidade móbil de doazón ao termo municipal de Ames. A localidade do Milladoiro recibirá a unidade móbil de doazón o vindeiro luns 21 de abril, en horario de 9:30 h a 14:30 horas e de 15:30 h a 21:00 horas. Como soe ser habitual a unidade móbil estará estacionada na rúa Cruxa (ao carón de Supermercados El Árbol).

Por outra banda, o xoves 24 e o venres 25 de abril, en horario de 15:30 h a 21:00 horas, a unidade móbil de doazón estará na avenida da Maía, en Bertamiráns. Por último, cómpre destacar que durante o primeiro trimestre de 2014 xa se realizaron 346 doazóns (188 en Bertamiráns, 156 no Milladoiro e 2 en Biduído).