Pestanas principais

Durante a noite de San Xoán arderán máis de 200 cacharelas no concello de Ames

Venres, 22 de xuño de 2018

[22-06-2018] Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 203 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. Está previsto que haxa 179 cacharelas na zona rural e 24 nas áreas urbanas (Bertamiráns, O Milladoiro, zonas públicas e urbanizacións). A ANPA de Ventin, en colaboración co Concello de Ames e da cafetería da Casa da Cultura, organizan unha cacharela e sardiñada, no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, que comezará a partir das 21.00 horas.


As comisións de festa e asociacións de veciños de Ames xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do San Xoán. Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 203 solicitudes de cacharela. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible que se poderá utilizar. A dimensión da fogueira está limitada e o volume de combustible non pode pasar dos oito metros de perímetro nin dos tres de altura.

Por outra banda, o Concello prohibe queimar pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceite e, en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se poderán botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

Para a zona rural tramitáronse 179 permisos para realizar cacharelas, mentres que para a zona urbana concedéronse 24 permisos de cacharelas e sardiñadas. Na zona rural haberá 13 cacharelas na parroquia de Agrón, 8 na Ameixenda, 34 en Ames, 14 en Biduído, 31 en Bugallido, 18 en Covas, 44 en Ortoño, 7 en Piñeiro, 2 en Tapia e 8 en Trasmonte. Por outra banda, realizarase 5 cacharelas/sardiñadas en Bertamiráns, 7 no Milladoiro e 12 en varias zonas públicas e urbanizacións.

Unha das cacharelas do Milladoiro estará organizada pola ANPA de Ventin, en colaboración co Concello de Ames e da cafetería da Casa da Cultura. Será no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 21.00 horas, e haberá sardiñas, empanada, chourizos e doces caseiros. Tamén haberá música e realizaranse xogos populares. Sortearase unha táblet e outros premios.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O San Xoán arde enchendo Área con centos de fogueiras cacharelas"
Compostela 24 horas: "Ames celebra un San Juan con 203 permisos en todo el concello"