[22-06-2017] Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 210 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. Está previsto que haxa 180 cacharelas na zona rural e 30 nas áreas urbanas (Bertamiráns, O Milladoiro e urbanizacións). Na zona urbana os permisos foron solicitados por veciños/as e establecementos hostaleiros, mentres que na zona rural as solicitudes foron presentadas por particulares e asociacións de veciños.
As comisións de festa e asociacións de veciños de Ames xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do San Xoán. Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 210 solicitudes de cacharela. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. O obxectivo é procurar facer as cacharelas coas precaucións necesarias.
Para a zona rural tramitáronse 180 permisos para realizar cacharelas, mentres que para a zona urbana concedéronse 30 permisos de cacharelas e sardiñadas. Na zona rural haberá 9 cacharelas na parroquia de Agrón, 8 na Ameixenda, 39 en Ames, 17 en Biduído, 28 en Bugallido, 27 en Covas, 42 en Ortoño, 5 en Piñeiro e 5 en Trasmonte. Por outra banda, realizarase 10 cacharelas/sardiñadas en Bertamiráns, 8 no Milladoiro e 12 en varias zonas públicas e urbanizacións.




