Pestanas principais

Durante a noite de San Xoán arderán máis de 100 cacharelas no concello de Ames

Luns, 23 de xuño de 2014

[23-06-2014] Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 124 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. Está previsto que haxa 109 cacharelas na zona rural e 15 nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, o sábado 28 de xuño, ás 22:00 horas, haberá sardiñada e churrascada nos arredores da capela de San Xoanciño de Pousada. Para asistir a esta festa é preciso contar con invitación.

As comisións de festa e asociacións de veciños de Ames xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do San Xoán. Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 124 solicitudes de cacharela. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. O obxectivo é procurar facer as cacharelas coas precaucións necesarias.

Para a zona rural tramitáronse 109 permisos para realizar cacharelas, mentres que para a zona urbana concedéronse 15 permisos de cacharelas e sardiñadas. Na zona rural haberá 4 cacherlas na parroquia de Agrón, 20 en Bugallido, 24 en Ames, 3 en Trasmonte, 3 en Piñeiro, 14 en Biduído, 2 na Ameixenda, 1 en Lens, 17 en Covas e 21 en Ortoño. Por outra banda, realizarase 5 cacharelas/sardiñadas en Bertamiráns e 10 no Milladoiro.

Ademais, en San Xoanciño de Pousada haberá diversos actos festivos. O sábado 28 de xuño, ás 22:00 horas, haberá unha sardiñada e unha churrascada que se desenvolverá nos arredores da capela de san Xoanciño. A sardiñada estará amenizada coa actuación do grupo de pandereteiras As Maianas de Ames. Para asistir a esta festa é preciso contar con invitación.