Pestanas principais

Durante a noite de San Xoán arderán 132 cacharelas en Ames

Venres, 21 de xuño de 2013

[21-06-2013] Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano presentáronse un total de 132 solicitudes para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. Está previsto que haxa 124 cacharelas na zona rural e 8 nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, durante esta fin de semana varias parroquias e lugares de Ames celebran as súas festas patronais na honra de San Xoán. Haberá sardiñada nos arredores da capela de San Xoanciño de Pousada e un grupo de pais e nais, que teñen fillos/as cursando estudos no CEP de Ventín, organizaron unha cacharela na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Así mesmo a parroquia de San Xoán de Ortoño celebra as súas festas patronais con diversos actos relixiosos.

As comisións de festa e asociacións de veciños de Ames xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do San Xoán. Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 124 solicitudes de cacharela para a zona rural e 8 que se farán nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. O obxectivo é procurar facer as cacharelas coas precaucións necesarias.

Por outra banda, a parroquia de San Xoán de Ortoño celebra as súas festas patronais cunha sardiñada e diversos actos relixiosos. Este venres pola noite, ás 21:00 horas, haberá unha sardiñada no campo da festa. Os actos relixiosos celebraranse o luns 24 de xuño, ás 13:00 horas, cunha misa solemne. A continuación realizarase a corresponde procesión. Os veciños e veciñas desta parroquia elaborarán unha alfombra floral.

En San Xoanciño de Pousada tamén haberá diversos actos festivos. O sábado 22 de xuño, ás 22:00 horas, haberá unha sardiñada que se desenvolverá nos arredores da capela de san Xoanciño. Para amenizar a sardiñada actuarán o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames. O luns 24 de xuño, ás 12:00 horas, haberá unha misa solemne. A Banda de Gaitas dos Castros realizará o pasarrúas ao longo de toda a mañá do luns.

Ademais, un grupo de pais e nais que teñen fillos/as cursando estudos de 5º de Educación Primaria no CEP de Ventín van realizar unha cacharela na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, para recadar diñeiro para a excursión a Cantabria na que participarán o próximo curso.