Pestanas principais

Dúas rapazas amesás participaron no Campionato de España de Patinaxe Artístico nas categorías cadete e xuvenil

Luns, 23 de xullo de 2018

[23-07-2018] O Campionato de España de Patinaxe Artístico, celebrado en La Seu d`Urgell (Lleida) os días 6 e 7 de xullo, contou coa participación de dúas veciñas amesás; Antía Vizcaya, do CPA Brión, na categoría de cadete, e María Iglesias, do CPA Compostela, na xuvenil. As dúas patinadoras quedaron nos postos 26 e 35 respectivamente. Representando á Federación Galega de Patinaxe acudiron nove patinadoras e outros nove patinadores.

A vixésima sexta edición do Campionato de España de Patinaxe Artístico, nas categorías cadete e xuvenil, celebrouse os días 6 e 7 de xullo en La Seu d`Urgell (Lleida). Dito campionato, que estivo organizado polo Club Hoquei Cadí Patinatge Artístic, contou coa participación de dúas patinadoras de Ames: Antía Vizcaya Sanluis, do Club de patinaxe artístico Brión, e María Iglesias, do Club de patinaxe artístico Compostela.

O campionato nacional arrancou o venres, 6 de xullo, ás 09.30 horas, co programa curto feminino en categoría cadete, mentres que o xuvenil se iniciou ás 17.40 horas. O seguinte día tiveron lugar os programas longos ata as 21.45, hora a que comezou a entrega de medallas e se deron a coñecer os postos finais dos participantes. A competición reuniu a un total de 115 patinadores e patinadoras procedentes de quince comunidades autónomas. Representando á Federación Galega de Patinaxe acudiron nove patinadoras e outros nove patinadores.

Antía Vizcaya Sanluis, do Club de Patinaxe Artístico de Brión, quedou en 26ª posición, e María Iglesias, do Club de Patinaxe Compostela, no posto 35. Ambas participantes accederon á competición nacional ao clasificarse no Campionato galego, celebrado en Caión (A Laracha) o 26 de maio, no que acadaron o 6 posto en cadansúa categoría. Para ambas patinadoras foi a súa primeira experiencia nun campionato nacional.