Pestanas principais

“Dúas Donas que bailan” de Teatro do Atlántico representarase este venres na Casa da Cultura do Milladoiro

Martes, 19 de novembro de 2019

Este venres, 22 de novembro, ás 21.00 horas, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro a obra de teatro “Dúas Donas que bailan”, de Teatro do Atlántico. A obra teatral entra dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Industrias Culturais e o Concello de Ames, na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Destinada a un público adulto, as entradas xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do Concello. Teñen un  prezo de 5 euros a xeral e 2,50 euros a reducida, para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames ten programado para este venres a representación do espectáculo teatral “Dúas Donas que bailan”. Esta obra de Benet i Jornet, gran mestre da dramaturxia contemporánea, está dirixida por Xúlio Lago e interpretada por María Barcala e María Ángeles Iglesias.

Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París, resiste a abandonar o piso no que vive, a pesar das presións dos seus fillos e da axencia propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans de vida para a vivenda.

A filla, en tanto que non consigue que a nai cambie de actitude, contrata unha muller para que vaia facer as labores domésticas na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario é parello ao da anciá, que noutros tempos, era rebelde e activista. A presencia da traballadora non é ben recibida e cada xornada convértese nun inquietante e traxicómico  enfrontamento.

Beret i Jornet comparte así o drama, os soños e os fracasos do seus complexos personaxes nunha viaxe intensa, brutalmente divertida, conmovedora e chea de beleza dramática. Trátase dun espectáculo iluminado pola intensa humanidade que dúas mulleres esconden baixo a férrea armadura da ironía, e a dureza coa que intentan defenderse dos implacables embates da sociedade insensible e cruel na que lles tocou vivir.

Para poder desfrutar desta gran obra teatral, xa se encontran dispoñibles as entradas na billeteira electrónica do Concello. Pódense comprar ata dúas horas antes da función e ademais, o 10% do aforo do auditorio poderás mercarse na Casa da Cultura desde unha hora antes do comezo da función. Ten un prezo de 5 euros a entrada xeral e de 2,50 euros a entrada reducida, destinada a maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. O máximo de entradas que pode comprar unha persoa é de 4.

Dúas Donas que bailan