[11-04-2013] As mestras amienses Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca recolleron onte o premio Francisco Giner de los Ríos. Este galardón á mellora da calidade educativa, que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e Fundación BBVA, foilles entregado nun acto que se celebrou en Madrid.

Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca recolleron o galardón de mans do ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, e do presidente da Fundación BBVA, Francisco González.
As mestras foron premiadas polo seu proxecto InnovArte Educación Infantil, un blog que está concibido como un espazo de reflexión e recursos dirixido a todo o profesorado de Educación Infantil. Trátase dun blog profesional con vertente formativa que recolle as reflexións e a experiencia educativa de dúas mestras, que deciden compartilas a través da web. A información que contén está relacionada coa educación infantil, apuntando preferentemente ao segundo ciclo, aínda que ás veces, tamén se dirixe ao primeiro, concibindo a etapa como un contínuum.
O blog InnovArte naceu en xaneiro de 2010 e na actualidade recolle 790 entradas e recibe unha media diaria de 1.500 visitas desde Galicia ou o resto do Estado, Italia, Portugal, Arxentina, Chile, Uruguay, Colombia, México, Perú, Venezuela, Guatemala, e outros países iberoamericanos, xa que se atopa en formato bilingüe, galego e español.
Este premio único para a etapa de segundo ciclo de Educación Infantil está dotado con 15.000 euros e está encadrado dentro da modalidade de traballos ou experiencias pedagóxicas de profesor ou equipo de profesores.




