Pestanas principais

A Dra. Esther Molina impartirá o sábado unha charla sobre o tratamento da Hepatite C no Milladoiro

Mércores, 20 de xaneiro de 2016

[20-01-2016] O sábado 23 de xaneiro, ás 18:00 a Dra. Esther Molina, médico especialista no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) ofrecerá unha charla informativa na Casa da Cultura do Milladoiro acerca do tratamento e coidados dos enfermos de Hepatite C. A actividade foi organizada pola Plataforma de Afectados Por Hepatitis C coa colaboración do Concello de Ames.

A pesar de que a charla está dirixida especialmente aos afectados por esta doenza así como para os seus coidadores, toda a cidadanía amesá é convidada a acudir. A asistencia é gratuíta e as prazas completaranse até completar o aforo do auditorio da Casa da Cultura.

A intervención da Dra. Esther Molina centrarase en dous cuestións: os coidados e o seguimento que se debe facer dos pacientes con hepatite C que están a recibir os novos tratamentos e o que ocorre unha vez rematado o mesmo.

A hepatite C é unha enfermidade infecciosa, provocada polo virus da hepatite C ou VHC. Se ben pode curarse de forma estpontánea coa desaparición do virus, a súa permanencia no corpo humano provoca o deterioro progresivo do fígado. A cirrose ou o cancro de fígado son os derivados máis daniños desta enfermidade.

Pese a que aos enfermos de hepatite C en estado avanzado de infección éralles transplantado o fígado como un recurso de curación recentemente, no ano 2014, presentouse un novo tratamento: un fármaco antivírico que o SERGAS comezou a aplicar a parte dos pacientes con hepatite C no ano 2015.

En marzo de 2015 foi presentada pola oposición unha moción, en pleno ordinario, de apoio aos afectados pola hepatite C que non poden acceder a este tratamento. O prezo do fármaco e a súa administración, que se adoita prolongar varias semanas, ten un alto custe. O Ministerio de Sanidade publicou en 2015 os perfís daqueles pacientes que accederían ao tratamento, provocando as protestas de todos aqueles homes e mulleres excluídos do mesmo. O pleno do Concello acordou por unanimidade naquel momento afirmar publicamente o seu apoio aos afectados por esta exclusión.