Pestanas principais

Dous irmáns de Ames proclámanse campións provinciais de xadrez na categoría Sub-8

Xoves, 04 de febreiro de 2016

[04-02-2016] No pasado mes de xaneiro Santiago de Compostela acolleu o campionato provincial de xadrez, cuxos finalistas poderán así acceder aos campionatos galegos. Alejandro e Nerea Cereijo, irmáns residentes no Milladoiro e pertencentes ao Club de Xadrez do colexio Manuel Peleteiro, acadaron o primeiro e o segundo posto respectivamente na categoría sub-8. Os axedrecistas José Carlos Gestido, Félix Portugal e Remigio Duro, do club de xadrez amesán Millarengo Cultura, acabaron nos postos 8, 16 e 19 nas categorías sub-18 e absoluta.

Os e as axedrecistas déronse cita nas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro, nun campionato que estableceu un novo récord de participación ao reunir a máis de 150 competidores e competidoras que disputaron partidas de todas as categorías establecidas pola Federación de Xadrez, dende a sub-8 ata a sub-18 e absoluta.

Nin Nerea nin Carlos Cereijo partían como favoritos na categoría provincial, xa que ambos partían dos postos 4 e 5 no ránking inicial, non obstante ambos fixeron un gran traballo ao longo das sete roldas que se disputaron. A primeira, campiona feminina, gañou todas as partidas que xogou excepto a que a enfrontou co seu propio irmán na quinta rolda. O segundo, pola súa banda, gañou en catro das seis partidas que xogou, facendo táboas na segunda ronda, e foi quen de vencer ao número 1 do ránking da categoría sub-8. Nesta categoría participaron 16 rapaces e 1 rapaza.

Na categoría sub-18 e absoluta participaron en total 23 xogadores, dos que tres pertencían ao club Millarengo Cultura: José Carlos Festido, Félix Portugal e Remigio Duro.