Pestanas principais

Dous grupos de Ames gañan o premio á regueifa mellor falada e á máis reivindicativa

Mércores, 25 de abril de 2018

[25-04-2018] Os premios do Certame Enreguéifate xa son públicos. O luns 23 de abril coñeceéronse os grupos gañadores coas regueifas máis bravas, máis agudas, máis diversas, máis reivindicativas, mellor cantadas e mellor faladas, en ambas as categorías. As Regueifeiras da Ameixenda (do grupo de memoria do programa Amessan) obtiveron o premio á regueifa mellor falada, na categoría xeral, coa Regueifa das Amigas, e o grupo do IES Plurilingüe de Ames gañou o premio á regueifa máis reivindicativa, na categoría escolar, con Reguestyle. Os premios entregaranse o vindeiro 2 de maio no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, no marco do festival Regueifesta.

O certame de regueifa é unha das iniciativas incluídas dentro do proxecto Enreguéifate. Impulsado polos Concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo, o proxecto procura que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar. Nesta edición participaron no certame máis dun cento de grupos de todo o país. A participación procedeu principalmente do ámbito educativo coa presentación de 60 propostas; e en menor medida do público en xeral con 12 regueifas enviadas nesta categoría. As regueifas gañadoras pódense ver na seguinte ligazón.

Na categoría xeral, as Regueifeiras de Ameixenda de Ames, usuarias e profesor do taller de memoria do programa municipal Amessan, obtiveron o premio á regueifa mellor falada pola “Regueifa das amigas”; o premio á regueifa mellor cantada foi para os malpicáns Entre nós pola “Regueifa das xeracións”. O premio á regueifa máis brava foi outorgado ás Pataqueiras de Coristanco pola súa proposta “A batalla interxeracional”; mentres que o premio á máis aguda compartírono os Conxugadores, procedentes do barrio compostelán de Conxo, por “O regueibaile”, e ás Elektrofadas de Coruxo, Vigo, pola “Regueifa de maiores contra pequenas”. O premio á regueifa máis diversa foi para o grupo viveirés Inter.Regueifa por “O ensaio”. Por último, o premio á máis reivindicativa levouno a Chavalada da Pontragha, de Tordoia, pola súa “Re-enregueifándonos na Pontragha”. Nesta categoría tamén participou o grupo de memoria de Cruxeiras, do programa Amessan.

Na categoría escolar tamén foi premiado un grupo de Ames. O IES Plurilingüe de Bertamiráns obtivo conxuntamente co CEIP Ana María Diéguez de Asados, de Rianxo, o premio á regueifa máis reivindicativa, coas propostas “Regueistyle!” e “A regueifa do pucho do monte”. Nesta categoría, o premio á regueifa máis brava foi para o CPI Poeta Uxío Novoneyra pola “Regueifa do Cole Rural”. O CEIP Gonzalo Torrente Ballester de Sigrás, Cambre, obtivo, pola súa banda, o premio á regueifa máis aguda por “Persoeiros regueifeiros”; e o compostelán CEE Manuel López Navalón o premio á máis diversa por “Emoticonas, sistemas alternativos de comunicación”. Finalmente, o premio á regueifa mellor cantada foi para o burelao IES Perdouro por “Patacas Bravas”; mentres que o premio á regueifa mellor falada foi outorgado ao IES Nº1 do Carballiño pola súa “Regueifa da papatoria”.

Así mesmo, o xurado decidiu concederlle un recoñecemento especial a Lois Cespón e Brais Yáñez, alumnos do IES A Cachada de Boiro, pola orixinalidade e a calidade da súa proposta “Caladas de tempo baldeiro”, na que trasladaron a arte da improvisación oral en verso ao freestyle. Nesta segunda edición do Certame Enreguéifate, o xurado estivo conformado por Antía Ameixeiras, Olalla Liñares, Séchu Sende e Manolo Maseda. 

Entrega de premios
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de maio no Auditorio de Galicia, en Santiago, coincidindo coa Regueifesta, un encontro para escolares arredor da improvisación oral en verso. O evento desenvolverase a partir das 11 horas e nel intervirán mozas e mozos da nova xeración galega de repentismo, así como alumnado de Euskadi e Catalunya, que improvisarán ao xeito do bertsolarismo e da glosa. Dinamizarán o acto as regueifeiras Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda. A Regueifesta incluirá tamén diversas intervencións musicais.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Dous grupos de Ames resultaron premiados no concurso de regueifas"
Compostela 24 horas: "Dos grupos de Ames ganan el premio a la regueifa mejor hablada y a la más reivindicativa"