Pestanas principais

Dous concertos didácticos levan a música contemporánea en galego ao alumnado dos IES de Ames

Mércores, 20 de outubro de 2021

Parte do alumnado dos IES de Ames e do Milladoiro acudiu a dúas sesións de música e aprendizaxe cos artistas galegos Zënzar e García MC, co fin de dar a coñecer a crecente oferta de música en galego nos últimos anos. Cunha combinación de interacción e de música en directo, a rapazada puido coñecer en profundidade parte da historia da creación musical contemporánea galega e do rap en galego, a través duns dos seus propios protagonistas. Asistiron ás actividades organizadas pola Concellaría de Mocidade e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames 170 alumnas e alumnos de Secundaria do concello.

A Concellaría de Mocidade e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames organiza estas actividades co obxectivo de achegarlle á mocidade referentes musicais próximos que expandan o coñecemento do panorama musical galego e o proceso de normalización lingüística entre a mocidade amesá, e fomentar a creatividade a través da música entre as persoas máis mozas.

Concerto de Zënzar

Na tarde do luns 18 a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a 70 estudantes de 3º da ESO do IES de Ames, que acudiron á proposta da formación de rock Zënzar. A sesión de 90 minutos dividiuse en dúas partes: unha primeira metade na que se desenvolveu un obradoiro, e uns segundos 45 minutos nos que a banda interpretou parte do seu repertorio. A charla inicial consistiu nun percorrido á música contemporánea en galego, coa lingua como elemento imprescindible á hora de identificármonos coa nosa cultura. Ademais, a través do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, conducido pola integrante de Zënzar, Laura Romero, falouse de música en galego con perspectiva de xénero.

Concerto de García MC

Unha centena de alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO desprazáronse o martes 19 ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, para asistiren ao concerto-obradoiro do artista García MC. A posta en escena do rapeiro, acompañado por DJ Mil, intercalou a interpretación dalgúns dos seus temas coa interacción e a participación do público, coas que realizou unha viaxe pola historia do rap na nosa lingua: dende os seus comezos, co pre-rap dos Resentidos e os pioneiros Dios Ke Te Crew, ata a actualidade, con propostas moi diversas en todo o territorio galego. Ademais, destacouse a importancia da lingua como eixe dinamizador e como elemento chave dun xénero coma o rap, cunha forte carga lírica.

Dous concertos didácticos levan a música contemporánea en galego ao alumnado dos IES de Ames

Multimedia

  • Dous concertos didácticos levan a música contemporánea en galego ao alumnado dos IES de Ames
  • Dous concertos didácticos levan a música contemporánea en galego ao alumnado dos IES de Ames
  • Dous concertos didácticos levan a música contemporánea en galego ao alumnado dos IES de Ames