Pestanas principais

Dous atletas do club atletismo Millaraio participaron no campionato de España sub 14 individual

Venres, 07 de xuño de 2019

Durante as últimas semanas os/as atletas do Millaraio participaron en varios campionatos. Alejandro Jiménez e Noel Ferrace participaron os días 1 e 2 de xuño no campionato de España sub 14 individual.  Alejandro Jiménez formou parte do equipo gañador na proba de relevos 6x60 metros. No XIII Campionato de Galicia sub10 e sub12 en pista ao aire libre, Nuno Castro, conseguiu dúas medallas en salto de lonxitude e nos 60 metros; Laura Sanz, foi terceira na proba de 60 metros; e o equipo de relevos masculino acadou a medalla de bronce. Ademais, no campionato provincial en pista infantil e combinadas benxamín-alevín “Xogade” o club de atletismo Millaraio acadou 7 medallas.

Os días 1 e 2 de xuño disputouse en Soria o campionato de España sub 14 individual no que o club de atletismo Millaraio participou con dous atletas: Alejandro Jiménez e Noel Ferraces. Rematadas as tres probas de cada triatlón, en cada un dos cales participaron 36 atletas, Alejandro Jiménez foi noveno, na modalidade de triatlón A (80 metros, 80 metros valos e lanzamento de peso), e Noel Ferraces décimo primeiro no triatlón E (2.000 metros marcha, 80 metros e lanzamento de xavelina).

Ademais, ambos atletas participaron na proba de relevos 6x60 metros, na que a composición dos equipos está formada por atletas de distintos clubs. Alejandro Jiménez formou parte do equipo que quedou en primeiro lugar nesta proba, que se celebra ao final do campionato. Agora agárdalles a ambos, xunto aos seus compañeiros, o campionato por equipos en Cidade Real os días 15 e 16 de xuño.

XIII Campionato de Galicia sub10 e sub12 en pista ao aire libre
Por outra banda, os rapaces e rapazas do Millaraio participaron no Campionato galego individual sub10-sub12, celebrado en Lugo, o pasado 1 de xuño. Na categoría sub12 participaron: Nuno Castro no salto de lonxitude, proclamándose campión galego, e nos 60 metros, proba na que foi subcampión; Laura Sanz nos 60 metros, proba na que conseguiu a medalla de bronce; María Estévez nos 1.000 metros (sexta e mellorando marca) e no lanzamento de pelota; e David Moreno no lanzamento de pelota (mellorando marca) e nos 500 metros.

Tamén participaron os equipos de relevos masculino (Jorge García, Nadir Moreira, David Moreno e Nuno Castro), que logo de ter que repetir a súa serie volveron gañala por segunda vez e foron bronce, e o feminino (Sabela Jallas, María Estévez, Ada Bigliani e Laura Sanz), que rematou na sexta posición sendo terceiras na súa serie. Na categoría sub10 participaron Daniel García, no lanzamento de peso, que rematou no sexto posto, e a Bruno García, nos 2.000 metros marcha, que mellorou tamén a súa marca.

Campionato provincial en pista infantil e combinadas benxamín-alevín “Xogade”
O pasado domingo, 26 de maio, celebrouse en Ferrol o campionato provincial en pista infantil e combinadas benxamín-alevín “Xogade”, no que o Club atletismo Millaraio obtivo un total de sete medallas: catro ouros (os infantís Alejandro Jiménez en salto de lonxitude e nos 80m; Álvaro Francos en salto con pértega; e Nuno Castro en combinadas alevín), dúas pratas (os infantís Noel Ferraces en 2.000 metros marcha e Alfonso Labella en lanzamento de xavelina) e un bronce (o equipo de relevo infantil 4x80 metros formado por Álvaro Francos, Lucas Pena, Alejandro Jiménez e Carlos Buyo).

Na categoría infantil de probas individuais o club participou cun total de doce atletas: ademais das medallas mencionadas, Noel Ferraces foi cuarto en lanzamento de xavelina e competiu tamén en salto de altura, Alfonso Labella participou tamén en lanzamento de martelo, e nos 2.000 metros marcha, Lucas Pena foi cuarto en tripla e correu os 1.000 metros obstáculos.

Por outra banda, Álvaro Francos fixo tamén tripla, Adrián Sesar foi cuarto en 2.000 metros, Hugo Estévez participou en xavelina, e 1.000 metros obstáculos, Carlos Buyo nos 500 metros, Antía Figueras foi cuarta en salto de altura, e participou no salto de lonxitude e 220 metros valos, Irene Rodiles competiu en salto de altura, lanzamento de xavelina e 2.000 metros marcha, e Noa Piñeiro nos 150 metros. Nas combinadas alevín ademais de Nuno Castro en categoría masculina, participou na categoría feminina María Estévez, e Daniel García competiu nas combinadas benxamín.

Campionato de España sub 14 individual

Multimedia

  • Campionato de España sub 14 individual
  • Campionato de Galicia sub10 e sub12 en pista ao aire libre
  • Campionato de Galicia sub10 e sub12 en pista ao aire libre
  • Campionato provincial en pista infantil e combinadas benxamín-alevín “Xogade”
  • Campionato provincial en pista infantil e combinadas benxamín-alevín “Xogade”
  • Campionato provincial en pista infantil e combinadas benxamín-alevín “Xogade”