Pestanas principais

Do 4 ao 16 de novembro estará aberto o prazo de inscrición para participar no Nadal Lúdico

Luns, 04 de novembro de 2013

[04-11-2013] O Concello de Ames pon en marcha un ano máis o programa de conciliación Nadal Lúdico. Deste xeito, a Concellaría de Educación e Servizos Complementarios abre o prazo para inscribirse neste programa co que se ofrece unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo libre dos rapaces e rapazas dun xeito divertido e educativo, permítalles ás nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos nenos/as. O prazo para apuntarse estará aberto dende o día 4 ata o día 16 de novembro. O Nadal Lúdico desenvolverase durante os días 23, 24, 26, 27, 30, 31 de decembro e 2, 3, 7, 8 de xaneiro de 2014. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases dos programas lúdicos e descargar o impreso de inscrición para participar no Nadal Lúdico.

Coincidindo coas vacacións escolares de Nadal o Concello de Ames organiza un ano máis o programa de conciliación Nadal Lúdico. A Concellaría de Educación e Servizos Complementarios oferta este programa co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. O Nadal lúdico pretende ofertar unha alternativa que permita cubrir o tempo de lecer dos nenos/as dun xeito divertido e educativo na época das vacacións escolares, á vez que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar.

Todas as persoas que desexen inscribir aos seus fillos/as neste programa deben saber que o prazo de inscrición para participar neste programa estará aberto entre o 4 e o 16 de novembro. O Nadal lúdico desenvolverase durante os días 23, 24, 26, 27, 30, 31 de decembro e 2, 3, 7, 8 de xaneiro de 2014. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario deste programa será de 7:30 h a 16:00 horas. Estas actividades desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.

Tramitación das inscricións
As persoas interesadas poden recoller a documentación que hai que cubrir para realizar a correspondente inscrición no departamento de Educación en Bertamiráns, situado no Pazo da Peregrina, e na Oficina Municipal do Milladoiro. A entrega da documentación deberá facerse no propio departamento de Educación, no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, e na Oficina Municipal do Milladoiro en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Hai que ter en conta que o Rexistro Xeral do Concello abre de luns a sábado, mentres que o departamento de Educación e as Oficinas Municipais do Milladoiro abren de luns a venres.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas, escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria, empadroados no concello de Ames. Ademais, tamén poderán acceder ao programa os fillos e fillas das persoas que, aínda que non estean empadroados, traballen neste municipio. Esta situación deberá acreditarse cun certificado da empresa ou institución correspondente. Porén, terán preferencia os/as empadroados/as no concello. Non se admitirán inscricións fóra de prazo.

Cando remate o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. Esta listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org do departamento de Educación.