Pestanas principais

Do 28 de abril ao 12 de maio abre o prazo de preinscrición para os campamentos de verán que ofertan 460 prazas para 10 campamentos diferentes

Xoves, 27 de abril de 2017

[27-04-2017] Un ano máis o Concello de Ames xa ten preparado o seu programa de campamentos municipais de verán para este 2017, a través do cal se ofertan 460 prazas para 10 campamentos diferentes que se desenvolverán entre o 26 de xuño e o 3 de setembro. Ao igual que o ano pasado existe un campamento para os rapaces e rapazas de 4º de ESO a 2º de bacharelato. Ademais, amplíase a oferta de campamento con novas actividades para finais de agosto e comezos de setembro, que estarán dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria. O prazo para preinscribirse estará aberto do 28 de abril ata o 12 de maio. Posteriormente abrirase un novo prazo para formalizar a matrícula do 22 ao 31 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición.

O programa de Campamentos de Verán 2017 presenta varias novidades. Este ano inclúense noivos campamentos e ao igual que na edición anterior ofértase un campamento que se desenvolverá a finais do mes de agosto e comezos de setembro. Tamén, por segundo ano consecutivo, se volve a ofertar unha actividade para os rapaces e rapazas de 4º de ESO a 2º de bacharelato. Ademais, para o mes de xullo ofértase unha nova edición do campamento urbano de verán que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza. Deste xeito, este servizo está dirixidos ás etapas de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Os campamentos de verán son unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a cooperación, o respecto e o xeito dun estilo de vida saudable, ao tempo que se achegan ao medio natural, ao deporte e á cultura.

Poderán participar nos campamentos de verán os rapaces e rapazas que estean empadroados no Concello de Ames. De existir más prazas que solicitudes poderán optar a unha praza os usuarios/as que non estando empadroados en Ames, estean matriculados nalgún centro de ensino amesán ou seus pais/nais traballen no termo municipal. Por último, se seguisen quedando prazas libre poderían optar a unha delas os usuarios/as non empadroados.

Campamentos ofertados
Os nenos de 4º e 5º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 28 e 29 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento será de 45 euros e ofértanse 35 prazas. Ademais, os rapaces e rapazas de 6º de educación infantil poderán acudir ao campamento Érase unha vez... en Esgos (Ourense). Neste caso ofértanse outras 35 prazas para que os nenos/as pasen os días 26, 27 e 28 de xuño neste campamento que é unha das novidades respecto ao ano anterior. Esta actividade terá un custo de 90 euros.

Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poderán acudir á granxa escola Barreiros, situada en Sarria. Neste caso, ofrécese a posibilidade de acudir en unha das dúas quendas ofertadas (do 26 ao 28 de xullo ou do 29 ao 31 de xullo). O custe deste campamento é de 90 euros e ofrécense un total de 80 prazas (40 prazas por quenda).

Para os alumnos de 3º e 4º de educación primaria ofértanse 100 prazas para o campamento Galipark Multiaventura, situado en Extramundi. Este ano vólvese apostar por este campamento que se incluíu por primeira vez na edición anterior. A estancia neste campamento será dende o 4 ata o 7 de xullo e terá un custo de 125 euros. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán pasar dende o día 3 ata o 8 de xullo no campamento do parque de astronomía e aventura en San Xoán de Río (Ourense). Para este campamento, que ten un custo de 170 euros por persoa, ofértanse 50 prazas. Esta é outra das novidades do programa de campamentos desta edición.

Os mozos e mozas que están cursando 1º, 2º e 3º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil Mar do Grove (Fieitas). Este campamento, que tamén se inclúe por primeira vez na oferta deste servizo, desenvolverase do 2 ao 9 de xullo e terá un custo de 220 por persoa. Neste caso ofrécense 30 prazas. Ademais, este ano, entre o 13 e 20 de xullo, ofréceselle ao alumnado de 4º da ESO, así como de 1º e 2º de bacharelato a posibilidade de acudir ao campamento xuvenil Mar de Cangas. Para este campamento hai dispoñibles 40 prazas e ten un custo de 230 euros por persoa.

Campamento Setembro 2017
Outra das principais novidades para este ano é o campamento que se desenvolverá a finais de agosto e comezos de setembro. Os rapaces e rapazas de 6 a 14 anos poderán acudir á granxa escola Kirico, situada en Fornelos de Montes, entre o 29 de agosto e o 3 de setembro. Para este campamento ofértanse 50 prazas e ten un custe de 150 euros. Neste campamento realizaranse diferentes actividades que estarán orientadas segundo as idades dos participantes, e outras que se farán en conxunto fomentando a convivencia entre rapaces e rapazas de diferentes idades.

Por último, cómpre destacar que un ano máis vólvese a organizar o campamento urbano que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do 10 ao 21 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, haberá 40 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros. Tódolos campamentos contarán con servizo de autobús.

Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir a algún destes campamentos teñen que realizar a correspondente preinscrición do 28 de abril ao 12 de maio. En tódolos campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social e as familias numerosas terán un 50% de desconto sobre o custo total do campamento que elixan. As bases e os impresos de preinscrición pódense obter acudindo de xeito presencial, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas oficinas municipais do Milladoiro e no departamento de Medio Ambiente da Casa do Concello.

Unha vez cuberto o impreso de preinscrición deberá entregarse de luns a sábado, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns. Tamén se pode entregar no rexistro das oficinas municipais do Milladoiro e no rexistro do Pazo da Peregrina, pero de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos de verán poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A efectos de información e posibles reclamacións publicarase a lista provisional de admitidos/as nos taboleiros oficiais do concello do 12 ao 15 de maio. Non se admitirán reclamacións fóra deste prazo. De seguido, publicarase a lista definitiva o día 16 de maio nos taboleiros oficiais do Concello. Posteriormente abrirase un novo prazo para formalizar a matrícula do 22 ao 31 de maio.

Reunións informativas
Por último, cómpre salientar que ao igual que todos os anos se farán dúas reunións informativas dirixidas aos pais e nais dos nenos/as e mozos que queiran participar nos campamentos de verán. O martes, 2 de maio, farase unha xuntanza na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o xoves 4 de maio será no Pazo da Peregrina en Bertamiráns. Para obter máis información e maila hora da reunión de cada campamento pódense consultar as bases dos campamentos.