[28-04-2017] Un ano máis o Concello de Ames xa ten preparado o seu programa de campamentos municipais de verán para este 2017, a través do cal se ofertan 460 prazas para 10 campamentos diferentes que se desenvolverán entre o 26 de xuño e o 3 de setembro. Ao igual que o ano pasado existe un campamento para os rapaces e rapazas de 4º de ESO a 2º de bacharelato. Ademais, amplíase a oferta de campamento con novas actividades para finais de agosto e comezos de setembro, que estarán dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria. O prazo para preinscribirse estará aberto do 28 de abril ata o 12 de maio. Posteriormente abrirase un novo prazo para formalizar a matrícula do 22 ao 31 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición.
O programa de Campamentos de Verán 2017 presenta varias novidades. Este ano inclúense noivos campamentos e ao igual que na edición anterior ofértase un campamento que se desenvolverá a finais do mes de agosto e comezos de setembro. Tamén, por segundo ano consecutivo, se volve a ofertar unha actividade para os rapaces e rapazas de 4º de ESO a 2º de bacharelato. Ademais, para o mes de xullo ofértase unha nova edición do campamento urbano de verán que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza. Deste xeito, este servizo está dirixidos ás etapas de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Os campamentos de verán son unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a cooperación, o respecto e o xeito dun estilo de vida saudable, ao tempo que se achegan ao medio natural, ao deporte e á cultura.
Poderán participar nos campamentos de verán os rapaces e rapazas que estean empadroados no Concello de Ames. De existir más prazas que solicitudes poderán optar a unha praza os usuarios/as que non estando empadroados en Ames, estean matriculados nalgún centro de ensino amesán ou seus pais/nais traballen no termo municipal. Por último, se seguisen quedando prazas libre poderían optar a unha delas os usuarios/as non empadroados.
Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir a algún destes campamentos teñen que realizar a correspondente preinscrición do 28 de abril ao 12 de maio. En tódolos campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social e as familias numerosas terán un 50% de desconto sobre o custo total do campamento que elixan. As bases e os impresos de preinscrición pódense obter acudindo de xeito presencial, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas oficinas municipais do Milladoiro e no departamento de Medio Ambiente da Casa do Concello.
Unha vez cuberto o impreso de preinscrición deberá entregarse de luns a sábado, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns. Tamén se pode entregar no rexistro das oficinas municipais do Milladoiro e no rexistro do Pazo da Peregrina, pero de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos de verán poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
A efectos de información e posibles reclamacións publicarase a lista provisional de admitidos/as nos taboleiros oficiais do concello do 12 ao 15 de maio. Non se admitirán reclamacións fóra deste prazo. De seguido, publicarase a lista definitiva o día 16 de maio nos taboleiros oficiais do Concello. Posteriormente abrirase un novo prazo para formalizar a matrícula do 22 ao 31 de maio.
Reunións informativas
Por último, cómpre salientar que ao igual que todos os anos se farán dúas reunións informativas dirixidas aos pais e nais dos nenos/as e mozos que queiran participar nos campamentos de verán. O martes, 2 de maio, farase unha xuntanza na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o xoves 4 de maio será no Pazo da Peregrina en Bertamiráns. Para obter máis información e maila hora da reunión de cada campamento pódense consultar as bases dos campamentos.




