Pestanas principais

Do 18 ao 30 de maio abre o prazo de matrícula para os campamentos de verán 2022

Mércores, 18 de maio de 2022

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e de Mocidade, abre o prazo de matrícula para o programa de campamentos municipais de verán 2022. As familias dos nenos/as e mozos/as que dispoñen de praza poden facer a matrícula do 18 ao 30 de maio. Presentarase preferiblemente a través do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Excepcionalmente, e con cita previa, poderá entregarse nos rexistros do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.

O servizo de Campamentos de Verán 2022 está dirixido á rapazada que estea cursando educación infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Este ano ofrece máis campamentos e increméntase o número de prazas, ademais de incorporar novos destinos como os campamentos ao cámping Paisaxe II, no Grove; á praia de Patos, en Nigrán; e á Granxa Escola de Bergando, en Negreira. Por primeira vez organízase un campamento único e específico dirixido ao alumnado de cada curso de educación primaría.

Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenas/os e mozas/os das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que se achegan ao medio natural, ao deporte ou á cultura.

Ampla oferta de campamentos para todas as idades

Os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil participarán no campamento Fervenzaventura, en Bandeira. A estadía será do 29 de xuño ao 1 de xullo. Para o alumnado de 1º de educación primaria está programado un campamento na Granxa Escola Bergando, en Negreira, do 6 ao 8 de xullo. As/os nenas/os de 2º de primaria terán a oportunidade de ir ao campamento da Granxa Escola Corazón de Carballo, en Tomiño, do 18 ao 20 de xullo.

En canto ao alumnado de 3º de educación primaria, teñen como campamento de destino Galipark (en Padrón), e desenvolverase do 4 ao 8 de xullo, mentres que os de 4º de primaria irán ao Ecoalbergue Alvarella, situado nas Fragas do Eume, do 28 de xuño ao 2 de xullo. Xa no último ciclo de primaria, a rapazada de 5º irá ao cámping O Terrón, situado en Vilanova de Arousa, do 12 ao 17 de xullo. Ao alumnado de 6º de educación primaria ofréceselle a posibilidade de acudir ao campamento da praia de Patos, en Nigrán, do 26 de xuño ao 1 de xullo.

Ademais, para as nenas e nenos de entre 6 a 14 anos ofrécese o campamento da Granxa Escola El Kiriko (en Fornelos de Montes), que se celebrará do 29 de agosto ao 3 de setembro. O alumnado de 1º e 2º da ESO irá ao campamento da praia América, en Nigrán, do 10 ao 16 de xullo, mentres que os rapaces e rapazas de 3º da ESO a 2º de bacharelato, este verán irán por primeira vez ao cámping Paisaxe II, situado no Grove, do 10 ao 16 de xullo.

A Aula da Natureza do Concello de Ames tamén organiza durante o mes de xullo dúas quendas do campamento urbano, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. A primeira quenda realizarase do 4 ao 15 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 18 ao 29 de xullo.

Amplíase o número de prazas en catro campamentos

En todos estes campamentos hai participación e incluso houbo que ampliar o número de prazas para os campamentos do cámping O Terrón, da praia de Patos e da Granxa Escola El Kiriko. No campamento da praia de Patos, dirixido ao alumnado de 6º de educación primaria, haberá unha segunda quenda, que non estaba prevista inicialmente, do 22 ao 27 de agosto, debido á alta demanda que tivo este campamento. O mesmo sucede co campamento da praia América, dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO, no que se organizou unha segunda quenda do 17 ao 23 de xullo.

Matrícula

O prazo de matrícula estará aberto dende o 18 ata o 30 de maio. Para facer a inscrición débese presentar:
-Impreso de matrícula debidamente cumprimentado.
-Copia da tarxeta sanitaria.
-Certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida).

Presentarase preferiblemente a través do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Excepcionalmente, e con cita previa, poderá entregarse nos rexistros do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas, sempre con CITA PREVIA (teléfonos: 881 074 710 / 881 074 711).

Os impresos para facer efectivo o pagamento de cada campamento (impreso de autoliquidación), enviaránselle ao correo electrónico facilitado por cada usuario/a na fase de preinscrición. Estes documentos indicarán os prazos nos que debe realizarse o abono.

Máis información

Para solicitar máis información pódese contactar coa Concellería de Medio Ambiente, chamado ao 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou contactar coa Concellería de Mocidade, chamando ao teléfono 616 083 229 ou enviando un correo a omix@concellodeames.gal. As bases dos campamentos de verán 2022 poden descargarse premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Matrícula para los campamentos de verano hasta el 30 con 445 plazas"

Do 18 ao 30 de maio abre o prazo de matrícula para os campamentos de verán 2022

Multimedia

  • Do 18 ao 30 de maio abre o prazo de matrícula para os campamentos de verán 2022