Pestanas principais

Do 10 ao 25 de novembro estará aberto o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local que concede o Concello de Ames

Luns, 09 de novembro de 2020

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o día 10 ata o 25 de novembro. O obxecto destas bases é regular as axudas a conceder polo Concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento promovido pola Deputación da Coruña, aprobadas coa finalidade de impulsar a actividade económica e o emprego no termo municipal amesá e contribuír a paliar na medida do posible os danos derivados da pandemia da COVID-19, nas microempresas e autónomos/as. O Concello de Ames destina a esta liña de axudas un total de 582.547,86 euros. O Fondo de Financiamento constitúese cun 80% de achega da Deputación da Coruña e un 20% financiado con fondos propios do concello. Deste xeito, o Concello de Ames achega 116.509,57 euros e a Deputación da Coruña concede 466.038,29 euros.

A finalidade destas axudas é facilitar medios ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que teñan o seu domicilio fiscal no concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento, para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19, e contribuirá súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico.

Cómpre lembrar que a Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado mes de agosto o crédito extraordinario por valor de 116.509 euros, a través do cal o Concello de Ames sufragará o 20% do importe total que lle corresponde a Ames do Plan provincial Reactiva. A modificación aprobada financiarase con remanente con baixas por anulación de actuacións que non se van a desenvolver no exercicio 2020.

As persoas beneficiadas destas axudas serán traballadoras autónomas con, ou sen, traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se visen afectadas polo peche, a redución de ingresos ou os ERTES, debido a situación ocasionada pola Covid-19.

Con carácter xeral, os beneficiarios/as das axudas deberán ter o seu domicilio fiscal no concello de Ames e non se lles permitirá ter débeda ningunha co Concello. Ademais, deberá estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Deputación da Coruña, así como coa AEAT e coa TXSS.

Como requisito das persoas xurídicas, establécese que a data de constitución da empresa, atendendo á data de primeira inscrición, no rexistro público correspondente, debe ser anterior á entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Presentación da solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comeza a contar a partir do día seguinte ao da publicación das bases desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Polo tanto, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o día 10 ata o 25 de novembro.

En canto á documentación que se debe presentar, é preciso o NIF/NIE ou CIF, a designación de conta bancaria segundo o modelo normalizado do Concello, a solicitude da axuda e a declaración responsable do cumprimento de requisitos e obrigas. En función de a que grupo de beneficiarios se pertenza, débese engadir unha documentación específica que se poder ver nas bases reguladoras.

As presentes bases, xunto co modelo de solicitude normalizado para a obtención das axudas, estará dispoñible no apartado de AVISOS da web municipal do Concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento.

As solicitudes, presentaranse por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello de Ames, accesible a través do enlace https://sede.concellodeames.gal utilizando o formulario normalizado de solicitude dispoñible na sede. Para a presentación de solicitude por medio electrónicos, é necesario dispoñer dos certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de sinatura electrónica. A presentación da solicitude de subvención fóra do prazo establecido e a non utilización, no seu caso, do formulario normalizado de uso obrigatorio, serán causa de inadmisión da solicitude.

Criterios de valoración
As solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras, puntuaranse seguindo uns criterios de valoración como é o tipo de empresa, a súa forma xurídica, número de mulleres, menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional contratadas. Tamén se terá en conta o uso da lingua galega na realizacións das súas actividades.

O importe da subvención será fixo e realizarase dende o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2020. Estas axudas serán compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, sempre que o importe total das axudas percibidas polo mesmo concepto non supere o custo total dos gastos subvencionables polas presentes axudas, e ata un máximo de 40.000 euros. O importe de axuda a conceder será minorada na cantidade que exceda deste límite.

O Concello de Ames aboará o importe da subvención concedida logo da presentación dos xustificantes de gasto ou facturas electrónicas escaneadas, efectivamente pagadas dentro do período subvencionable, correspondentes aos gastos subvencionables. Os beneficiarios da subvención deberán presentar a documentación xustificativa referida expresamente aos conceptos de gasto que lle foron subvencionados, como data máxima, o  31 de marzo de 2021.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentación de iniciativas para o Plan de Emprego Local da Deputación ata o vindeiro día 25 en Ames"

Cartel do PEL Reactiva Ames