[01-03-2018] O Concello de Ames abre o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2018-2019 na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. As preinscricións e renovacións de praza poderán realizarse entre o 1 e o 31 de marzo. Os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org ou de xeito presencial no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na oficina municipal do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as instrucións para os procesos de renovación e preinscrición en ditos servizos.
O Concello de Ames abre o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen que os seus fillos/as sexan usuarios/as destes programas no próximo curso escolar 2018-2019. Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.
A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través dun servizo on line ao cal se pode acceder a través da páxina web www.conciliames.org. Tamén se pode entrar na páxina web municipal www.concellodeames.gal e premer no banner Conciliames, que está na cabeceira da web ou na marxe dereita do portal web municipal. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto entre o 1 e o 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.
O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios de educación e conciliación é o mesmo que se empregou os últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.
Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será orientativo, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación. O modelo de autoliquidación de taxas para os servizos que se vaian a renovar, pódese solicitar á Recadación municipal, enviando un correo electrónico ao enderezo ames@canaltributos.com
Formulario e información sobre a baremación no comedor
De cara a garantir un servizo de calidade e segundo se establece no regulamento publicado no BOP número 23 do 1 de febreiro de 2018, no caso de que o número de solicitudes supere a capacidade da oferta farase unha selección e terán prioridade as familias empadroadas no concello de Ames.
Deste xeito, para a preinscrición na Rede municipal de comedores escolares deberase achegar a documentación necesaria para a baremación. A información está dispoñible nos rexistros e na páxina web www.conciliames.org. Para o vindeiro curso o Concello de Ames pode atender un máximo de 1.254 usuarios/as no servizo de comedores, o que supón un incremento de 200 prazas máis das que se ofertaban en 2015.
Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir o impreso de solicitude, asinalo e presentalo no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro do departamento de Educación (no Pazo da Peregrina) ou na oficina municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Outra opción é empregar o rexistro telemático na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es) ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR) ou en calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.
Petición de cita previa
As persoas que non dispoñan de acceso a Internet, e das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line, terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Para iso terán que chamar ao número de teléfono 981 884 991 e sacar cita previa para ser atendidos en Bertamiráns ou no Milladoiro. A continuación, deberán achegarse ata o departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou ás oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.
No caso das renovacións, o día e a hora asignado para a cita, será necesario indicar o IBAN, o BIC, e os datos do/a titular da conta para a domiciliación dos recibos coa finalidade de cubrir o impreso. Só se entregará a documentación relativa á unidade familiar que non conste no departamento de educación ou non estea debida actualizada. Aquelas persoas que desexen solicitar a bonificación de taxas para o curso 2018-2019, terán que presentar a solicitude cando formalicen a renovación, e entregar a documentación que se requira segundo o caso.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “ao igual que estes dous últimos anos o departamento de Educación establece un sistema de cita previa, para evitar colas e organizar mellor o traballo dos técnicos na axuda aos usuarios para cubrir os formularios”. Santomil tamén recomenda que "na medida do posible, as familias utilicen a aplicación Conciliames para axilizar os trámites a través da Internet. No caso de necesitar axuda, os técnicos do departamento de Educación informarán aos usuarios de como cubrir os formularios”.
Servizos complementarios de educación e conciliación
Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Os servizos complementarios de educación e conciliación (Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas) están dirixidos ao alumnado de infantil e primaria e funcionan actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476 ou no enderezo electrónico educacion@concellodeames.gal