Pestanas principais

Do 1 ao 15 de maio está aberto o prazo para apuntarse na Escola de Verán de Ames

Martes, 02 de maio de 2017

[02-05-2017] O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo para inscribirse na Escola de Verán, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Este servizo de conciliación, que está dirixido a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria, permite a conciliación da vida familiar e laboral. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición e as bases da Escola de Verán.

Durante os meses de abril e maio o departamento de Educación abre os prazos de inscrición para varios programas de conciliación da vida familiar e laboral. Primeiro foi para o Xuño Lúdico, e agora, entre o 1 e o 15 de maio, poderase facer a inscrición na Escola de Verán, que é unha oferta educativa e de ocio. Pretende ser unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo para os nenos e nenas, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Ademais permítelle aos rapaces e rapazas pasar as vacacións de verán dun xeito divertido e educativo.

O servizo está dirixido aos nenos e nenas que cursan segundo ciclo de infantil e educación primaria. Os nenos/as para os que se solicita o programa de Escola de Verán deberán pertencer a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames. Ademais, deberán acreditar a necesidade de conciliación de vida laboral e familiar por ambos os dous proxenitores/titores. Para poder solicitar este servizo é condición indispensable estar ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames e, en xeral, non ter débedas co Concello.

O servizo desenvolvese nos meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 h a 16:00 horas. Trátase de facer unha oferta lúdica - educativa para que os rapaces e rapazas pasen un verán diferente cos seus compañeiros e no seu contorno á vez que aprenden conceptos fundamentais para a súa educación.

As solicitudes de inscrición poderán recollerse no departamento de Educación (no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns) e na oficina municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h ás 14:00 horas, ou pódense descargar na web municipal. Unha vez estea cuberta a ficha de inscrición poderase entregar nos rexistros xerais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina municipal do Milladoiro, tamén en horario de 9:00 h ás 14:00 horas.

O prazo para solicitar a inscrición estará aberto dende o 1 ata o 15 de maio. A pesar de que o prazo para apuntarse comeza o día 1, ao ser festivo, as inscricións poderán tramitarse a partir do 2 de maio. Para obter máis formación pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal