- Tematica
O proxecto xuvenil Distrito 13 17 organiza este sábado 21 de marzo, de 19.00 a 21.00 horas, no anexo do pavillón municipal do Milladoiro, a última actividade do mes de marzo, chamada Ames Misterioso. Unha xincana na que as persoas participantes deberán resolver un enigma buscando pistas pola contorna. Podes anotarte na seguinte ligazón. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.
O Club Xuvenil de Ames, Distrito 13 17, regresa este sábado 21 de marzo cunha nova actividade: Ames Misterioso. Dende as 19.00 e ata as 21.00 horas, os rapaces e rapazas participarán nunha xincana na que terán que conseguir resolver o enigma por medio de diversas probas que irán atopando pola contorna. A actividade comezará no anexo do pavillón municipal do Milladoiro.
Esta xuntanza, ademais de servir como espazo de socialización e colaboración entre a rapazada amesá, ten como obxectivo promover o coñecemento da nosa contorna por medio das probas, que afondarán na historia e tradición do Concello de Ames, así como proporcionar tempo lúdico de calidade ás persoas participantes.
Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse mediante este formulario dixital ou a través do código QR da cartelaría antes do xoves previo á actividade. Cabe destacar que cada actividade é independente das demais, polo que anotarse nunha non é vinculante co resto. Para calquera dúbida, as persoas interesadas poden consultar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484.
Máis actividades no mes de abril
O mes de marzo remata, mais en abril o Distrito 13 17 continúa coas súas xuntanzas. O venres 10, de 19.00 a 21.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, levarase a cabo a actividade Furor. Máis adiante, o sábado 25, a organización volverá xuntarse de 19.00 a 21.00 horas, esta vez no anexo do pavillón municipal do Milladoiro, para realizar un Escape Room.
Distrito 13 17
Distrito 13 17 é un espazo activo, unha alternativa para que a xuventude do concello entre os 13 e os 17 anos (2013-2008) se coñeza e estableza nexos de unión e relacións sas, e onde a mocidade sexa a verdadeira protagonista do seu lecer. Cada encontro será unha oportunidade para expresarse, compartir, aprender e construír grupo, sempre nun ambiente seguro, respectuoso e participativo.






