Pestanas principais

Día Mundial do Ril: “Prepararse para o inesperado, apoiando ás persoas más vulnerables”

Xoves, 09 de marzo de 2023

O Concello de Ames colabora coa Federación Alcer Galicia na conmemoración do Día Mundial do Ril que se celebra hoxe 9 de marzo. A enfermidade renal crónica (ERC) xa está entre as 10 primeiras causas de mortalidade, con previsión de que estea entre as 5 primeiras no 2040. O número de persoas que precisan de diálise ou dun transplante para seguir vivindo no Estado alcanza xa as 65.740 persoas. Un total de 7.804 iniciaron diálise ou transplante no 2021. En Galicia no ano 2021 empezaron tratamento renal substitutivo 451 persoas e a 31 de decembro había 3.973 persoas en TRS.

A ERC continúa a ser unha grande descoñecida social, así como se fan campañas sobre o control do colesterol a poboación debería coñecer os seus niveis de creatinina. Alcer súmase a través da petición dun Plan Nacional de atención á Enfermidade Renal Crónica (ERC). Desde a Federación Alcer Galicia únense a esta petición ao detectar que aumentou a prevalencia un 30% nos últimos 10 anos.

A educación e fomento de conciencia social sobre saúde renal é fundamental fronte a esta pandemia silenciosa que estamos a vivir. Se unicamente se realiza unha abordaxe asistencialista dos casos xa afectados, sen programas de prevención específicos e dirixidos aos diferentes grupos de poboación só se está atendendo ao 50 % da poboación afectada: a diagnosticada. O resto continúan facendo crecer esta bola de neve.

A Sociedade Española de Nefroloxía aporta 8 consellos que facilitan o coñecemento sobre saúde renal: realización de actividade física, seguir unha dieta saudable, controlar os niveis de glicosa en sangue, controlar a presión arterial, manter unha inxesta de líquidos axeitada, non fumar, non automedicarse (especialmente con antinflamatorios e analxésicos), e comprobar a función renal, especialmente se se teñen factores de risco como diabetes, hipertensión ou obesidade.

Neste Día Mundial do Ril (DMR) do 2023 unímonos á reivindicación de fomentar especialmente as técnicas de diálise domiciliaria para facilitar o proxecto de vida das persoas en tratamento renal substitutivo nun territorio, como o galego, dunha alta dispersión. Igualmente consideramos que se deben de establecer medidas de prevención fronte a catástrofes para colectivos altamente vulnerables como ocorreu coa nosa poboación nos peores momentos da pandemia.

A Federación Alcer Galicia considera que a saúde renal formará realmente parte dos coidados da sociedade cando:

-Os sistemas de traslados a tratamento de hemodiálise sexa equitativo e con garantías de calidade en toda a nosa Comunidade Autónoma.
-Se respecten os acordos da intervención integral da persoa onde é o/a paciente o eixo da intervención e se traballe en conxunto con traballo social, psicoloxía e nutrición.
-Equipar aos plans de actuación de orzamento para poder realizar unha prevención a curto prazo real.

Cartaz do Día Mundial do Ril