[17-11-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, xunto a outros dezaseis rexedores e concelleiros/as asinaron en Santiago de Compostela o protocolo de adhesión á campaña “En negro contra a violencia”. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, tamén estivo presente neste acto. Trátase de facer visible a protesta contra esta lacra social a través de camisetas, manteis, mandís, lonas e outros distintivos que amosen a repulsa da sociedade fronte á violencia machista. No concello amesán máis de 100 axentes sociais adheríronse á campaña contra a violencia de xénero Ames en Negro. Esta campaña desenvolverase entre 18 e o 28 de novembro e encádrase dentro dos actos que este ano programa o Concello de Ames co gallo do “Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres”.
O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a sinatura dun protocolo de colaboración entre os 17 concellos adheridos á campaña En negro contra a violencia. No acto estiveron representados 15 destes consistorios, en concreto polos os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Miñones; Lugo, Lara Méndez; Ribadeo, Fernando Suárez; Santiago, Martiño Noriega; Sarria, Pilar López; Vilaba, Agustín Baamonde e Zas, Manuel Muíño. Tamén estiveron os concelleiros e concelleiras de igualdade de Cangas, Tomás Hermelo; Carballo, María del Carmen Ures; A Coruña, Rocío Fraga; Poio, Rosa Fernández; Sada, Isabel Reimúndez; Teo, Ignacio Iglesias e Tui, Laureano Alonso.
Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.
A campaña comeza mañá venres 18 e rematará o 25 de novembro de forma simultánea en todos os concellos adheridos. De momento son máis de 1.000 os establecementos e entidades que participarán da campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal. No concello amesán máis de 100 axentes sociais adheríronse á campaña contra a violencia de xénero Ames en Negro.
Ames en Negro conta con máis de 100 axentes sociais implicados
No acto de sinatura de dito protocolo o alcalde de Ames, José Miñones, agradeceulle ao Concello de Santiago “a invitación para facernos partícipes da campaña En negro contra a violencia”. Tamén destacou que esta iniciativa “tivo moi boa acollida en Ames, xa que a participación é masiva con máis de 100 axentes sociais implicados, entre comercios, clubs, asociacións, ANPAS, centros escolares... o que mostra claramente que temos unha sociedade comprometida”.
Miñones recordou que “hoxe mesmo vimos de inaugurar as VI Xornadas de Igualdade e prevención da Violencia de Xénero, Ames 2016. Mañá día 18 comenzaremos coa campaña Ames en Negro, que inclúe a difusión de camisetas, identificadores, cartóns con mensaxes, etc, que é unha sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia”. Para rematar, o rexedor de Ames recalcou que “un número tan elevado de concellos se sumen a esta campaña para nós, é un síntoma inequívoco de compromiso das administracións e que na violencia de xénero non existen cores políticos, senón colaboración institucional”.