Pestanas principais

Dezaseis rapaces e rapazas participan no obradoiro de luz e son

Venres, 18 de febreiro de 2011

[18-02-2011] O obradoiro de luz e son que organizou a Concellería de Mocidade, dentro do programa de actividades de artes escénicas e escenografía que leva a cabo a Oficina Municipal de Información Xuvenil, deu comezo este mércores coa participación de 16 rapaces e rapazas. Nesta edición hai mozos e mozas de varias idades e de ambos sexos, en contraste con anteriores ocasións. O curso impártese os mércores, de 16:00 h. a 17:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Desde esta semana dezaseis rapaces e rapazas participan do obradoiro de luz e son que pon en marcha un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil. O obradoiro de luz e son está destinado a mozos e mozas de Ames que teñan de 12 anos en diante. No obradoiro aprenderán a colocar os filtros nos canóns de iluminación e a manexar as mesas de iluminación e son. Coñecerán todos os aspectos técnicos no campo do son e da iluminación.

Esta actividade impártese no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns durante once sesións teóricas e prácticas todos os mércores de 16:00 horas a 17:30 horas. Un monitor será o encargado de instruír aos asistentes e outorgarlles os coñecementos necesarios para manexar a mesa de luz e son. A súa experiencia e especialización no mundo da televisión e en diferentes espectáculos permitirán ofrecerlles aos nenos e nenas a parte teórica necesaria para a posterior realización das prácticas.

Este tipo de actividades levan como obxectivo principal formar aos rapaces nas novas tecnoloxías da comunicación e a información. Os propios mozos e mozas de Ames son os que mostran interese por poder participar nestes obradoiros formativos, polo que a Concellaría de Mocidade accedeu a volver a repetir esta iniciativa. Como mostra deste interese no mundo da interpretación o concello desenvolve un programa de actividades e obradoiros relacionados co teatro e a interpretación, así como un obradoiro de radio.

Dende a posta en marcha deste tipo de iniciativas, mozos e mozas participantes nos anteriores obradoiros de luz e son colaboran co Concello, con asociacións e con diferentes colectivos de municipio na organización e desenvolvemento dos eventos e actividades que se realizan no concello, acadando unha importante implicación e participación na nosa sociedade.