[26-05-2015] O campo de fútbol Novo Milladoiro acolleu onte un adestramento da selección autonómica feminina Sub-16. Un total de dezaoito xogadoras de quince equipos levaron a cabo unha sesión de traballo sobre o recinto de herba sintética.
Entre as futbolistas estivo a amesá Nuria Rábano, extremo esquerdo do Milladoiro SD e a única muller do equipo cadete. O resto de rapazas pertence ao Xuventú Aguiño, Galicia de Mugardos, Racing de Ferrol, Orzán, S.C.D. Milagrosa, Victoria C.F., Vila de Corpus, Villestro S.D., Atlético Arousana, Rápido de Bouzas, Tordoia C.F., Bertola, Lérez e O Val.
As cadetes realizaron dúas horas de traballos co obxectivo de prepararse para a Fase Final do Campeonato por autonomías, que terá lugar en Asturias no mes de xuño, onde se enfrontarán ás catro mellores seleccións de España. O adestrador Manuel Rey Fernández sinalou que as ve “moi ilusionadas por ser a primeira vez que chegan a esta fase”. Apuntou que “son un bo equipo e teñen a Verónica Boquete como un referente no fútbol galego”.
Con todo, o técnico recoñeceu que non poderán “baixar a garda” porque os conxuntos de Madrid, Andalucía ou Cataluña son “rivais moi complicados”.




