Pestanas principais

Dez taxistas únense para poñer en marcha o servizo de Teletaxi en Ames

Mércores, 12 de abril de 2017

[12-04-2017] Ames dispón desde hai unha semana dun servizo de Teletaxi que está operativo as 24 horas do día. Calquera persoa que desexe utilizar este servizo pode facelo chamando ao teléfono 981 936 060. A iniciativa parte de dez profesionais do taxi de Bertamiráns e de Milladoiro. Preside o servizo Andrés Núñez.

“Con máis de 30.000 habitantes censados, máis de 36.000 residentes e unha contorna tamén moi ampla, Ames merecía ter un servizo como este”, manifesta Andrés Núñez, un dos promotores do novo servizo e primeiro presidente do recentemente estreado Teletaxi de Ames. O servizo funciona desde hai unha semana e, segundo Núñez, a veciñanza está satisfeita: “Nestes días que levamos co servizo son moitos os veciños e as veciñas que nos din que todas son vantaxes porque deste xeito poden chamar a calquera hora e pedir o taxi para o momento ou deixar feita a encarga para cando o necesiten, sen arriscarse a que non haxa ninguén na parada cando chamen”, salienta Núñez.

Segundo explica Andrés Núñez, a decena de profesionais do volante que se uniron para dar forma a esta iniciativa tiñan como intención “dar un mellor servizo a Ames, tanto a Bertamiráns como a O Milladoiro e ao resto do municipio e a contorna”. “Trátase -suliña Núñez- dun servizo exclusivo para o noso concello, patentado por nos mesmos e sen relación con outros, como pode ser Radiotaxi Compostela”.

10 taxistas estás adscritos até este momento ao servizo de Teletaxi en Ames. Andrés Núñez é o presidente e Santiago Núñez o tesoureiro.