[04-10-2011] Dende o ano 2009, o bombeo para o abastecemento de auga do Milladoiro a partir da primavera estábase levando a cabo empregando un grupo electróxeno co que se gastaron aproximadamente 80.000 euros. Isto supoñía uns 6.400 euros ao mes en gasoil. O novo goberno municipal fixo as xestións necesarias para cambiar esas instalacións por un bombeo co que se aforrarán ao mes 2.400 euros e que non precisará ser colocado cada vez que baixe o caudal do río. A concelleira de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente, explicou que “é un importante avance non depender do grupo que había que instalar cada vez que baixaba o nivel do caudal do río Tambre e, ademais, trátase dunha instalación autónoma, máis eficaz, e máis barata”.
Para instalar o bombeo era preciso pasar un cable pola estrada de Padrón, a N-550, e era necesario pedir unha autorización a Fomento, que o anterior goberno socialista só se lembrou de pedir o pasado mes de maio. O novo goberno amiense axilizou este trámite e solicitou autorización a Santiago de Compostela, municipio polo que tamén pasa parte do cableado.
O sistema de bombeo foi instalado o pasado día 15 de setembro e suporá un gasto mensual de electricidade duns 4.000 euros. Co grupo electróxeno consumíanse 190 litros de gasoil por día e gastábanse ao mes arredor de 6.400 euros. Ademais do aforro, a concelleira de Medio Ambiente valora principalmente a autonomía e a maior eficacia do novo sistema que garante dun xeito máis económico e seguro o bombeo de auga para o Milladoiro e para outras localidades de Ames cando así se require.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "O abastecemento de auga do Milladoiro estará garantido por un bombeo"
La Voz de Galicia: "Brión insta a la Xunta a investigar los malos olores del Sar"




