Pestanas principais

Derradeiras clases esta semana tralos actos de clausura de baile latino e de salón e das Escolas Deportivas Municipais

Luns, 30 de maio de 2016

[30-05-2016] O chan do pavillón deportivo municipal de Bertamiráns transformouse o pasado sábado, 28 de maio, nun tatami de judo, nunha cancha de baloncesto, nunha pista de voleibol ou nunha de patinaxe. Todo para acoller as exhibicións dos rapaces e rapazas que este ano participaron nalgunha das actividades ofertadas polas Escolas Deportivas Municipais. Con estas mostras o alumnado quixo convidar ás familias a despedir este curso 2015-2016. O alumnado de bailes de salón e latinos tamén despediu o curso na Casa da Cultura do Milladoiro, con mostras e clases abertas.


Os nenos e nenas conseguiron condensar nuns poucos minutos parte do aprendido ao longo deste curso. Realizaron exhibicións, por orde de saída, o alumnado de ximnasia rítmica, de Bertamiráns e despois do Milladoiro, o de patinaxe de Barouta, o de voleibol, de tenis, o de patinaxe de Barouta unha vez máis, o alumnado de ballet- que ofreceu dous bailes ao público-, as rapazas de fútbol sala feminino e, para rematar, as patinadoras do Club de Patinaxe Sarela puxeron fin a esta xornada.

O prazo de matrícula nas escolas deportivas municipais, tanto nas de nenas e nenos- que foron os protagonistas deste sábado deportivo- como as de adultos, abre de novo o 1 de setembro. As persoas interesadas en inscribirse terán até o día 13 de setembro para entregar a documentación.

Este sábado tamén despediu o curso o alumnado do Obradoiro de salón e latinos do Concello de Ames, así como da Escola de danza El Tomasón. A ela pertencen os mestres que impartiron as leccións de baile, Taina e Orlando. Ambos ofreceron ese día clases abertas de salsa, bachata e merengue. Tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 18:00 horas.