Pestanas principais

A Deputación licita por 133.896 euros as obras de construción dunha senda peonil en Biduído, no Concello de Ames

Sábado, 14 de outubro de 2023

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Biduído, no Concello de Ames, cun orzamento de 133.896 euros.

A actuación proxectada está encamiñada á creación dun itinerario peonil continuo e segregado cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho. O pavimento estará composto de 20 cm de xabre e 15 cm de formigón desactivado para deixar o árido descuberto.

Tamén se creará unha pequena superficie para facilitar o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada, empregando xabre e formigón con mallazo.

No treito de senda que discorre entre o acceso á igrexa e a súa conexión coa beiravía da estrada acondicionarase o recheo con terra vexetal e a plantación de céspede. A restauración do vexetal dos noiros resultantes do movemento de terras realizarase mediante hidrosementeira.

Para a rede de drenaxe empregarase canalización soterrada de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros. No extremo exterior da senda disporase un bordo de delimitación para o encanamento da escorrentía superficial. Será preciso executar a ampliación dunha obra de drenaxe con tubo de formigón armado, arqueta para colector con reixa e embocadura e aletas con encachado de pedra e a cuberta dunha obra de drenaxe mediante unha arqueta de tres parámetros.

As actuacións completaranse coa colocación dunha varanda modular en aceiro inoxidable para a contención dos peóns e catro bancos formados por dous dados de pedra granítica e asento en listóns de madeira.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Diputación licita una senda peatonal en Biduído por 134.000 euros"

El Correo Gallego: "A Deputación licita por 133.896 euros as obras de construcción dunha senda peatonal en Biduído"

Lindeiros: "A Deputación construirá unha nova senda peonil en Biduído, Ames"

Ames Go: "A Deputación licita unha senda peonil en Biduído"

A senda peonil discorrerá pola parroquia de Biduído

Multimedia

  • A senda peonil discorrerá pola parroquia de Biduído
  • A senda peonil discorrerá pola parroquia de Biduído