Pestanas principais

A Deputación da Coruña sufraga un ano máis o programa de valoración, orientación e información de Benestar Social

Xoves, 15 de maio de 2014

[15-05-2014] O Concello de Ames está a xustificar á Deputación da Coruña unha subvención de 37.511,48 euros coa intención de dar continuidade coas máximas garantías ao programa de valoración, orientación e información, que o departamento municipal de Benestar Social desenvolve a través das Unidades de Traballo Social de Bertamiráns e do Milladoiro.

A través desta axuda posibilitouse a contratación do persoal técnico necesario para continuar desenvolvendo con eficacia os obxectivos operativos do programa: informar, orientar, valorar, asesorar e derivar a toda a poboación que o demande co fin de mellorar o seu benestar social. Neste momento, o departamento de Benestar Social está ultimando a xustificación da subvención concedida en 2013 con este mesmo obxecto por un importe de 37.511,48 euros.

O Programa de valoración, orientación e información pretende achegar á poboación en xeral todos aqueles recursos, programas e prestacións sociais que inciden na súa calidade de vida e benestar. Entre a cidadanía amiense existen colectivos de moi diversa índole que precisan dunha atención cada vez máis exhaustiva e específica e, neste sentido, hai que sinalar que o incremento poboacional que experimenta ano tras ano o concello de Ames está repercutindo no aumento das intervencións realizadas dende o departamento de Benestar Social, e como consecuencia, nun incremento da carga de traballo diario dos traballadores sociais. Deste xeito, o Concello de Ames entende que a subvención concedida pola Deputación da Coruña contribuirá a garantir a prestación desta atención social nas mellores condicións.

A concellaría de Benestar Social desenvolve ano tras ano un conxunto de actividades e programas para a prestación de servizos sociais, a maior parte dirixidos á atención primaria. Axudas económicas para familias numerosas, actividades de envellecemento activo para os maiores, a mellora de infravivendas, axuda a domicilio, son algún dos servizos que se veñen levando a cabo dende este departamento e que están dirixidos á poboación do concello de Ames, que na actualidade conta con máis de 30.000 habitantes. Poboación que se encontra en continuo crecemento, polo que o número de persoas atendidas cada ano polos servizos sociais vai incrementándose.

Todos os servizos sociais ofertados pola concellaría de Benestar Social están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo aqueles con necesidades especiais e falta de recursos. Así, no concello de Ames desenvólvese unha serie de servizos sociais de atención primaria entre os que podemos encontrar un programa de valoración, orientación e información. A información que recibe cada veciño é persoal, directa e moi próxima a eles mesmos, coñecendo moito mellor a canle de acceso aos recursos sociais existentes e mellorando así a súa calidade de vida.