[24-04-2015] O Concello de Ames recibiu da Deputación da Coruña unha subvención de 40.684,82 euros para o mantemento do Programa de valoración, orientación e información, que o departamento municipal de Benestar Social desenvolve a través das Unidades de Traballo Social de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta axuda fixo posible a contratación de persoal técnico para continuar desenvolvendo con eficacia os obxectivos operativos do Programa: informar, orientar, valorar, asesorar e derivar aos usuarios que así o demandan co fin de mellorar o seu benestar social.
O Programa de valoración, orientación e información pretende achegar á poboación en xeral todos aqueles recursos, programas e prestacións sociais que inciden na súa calidade de vida e benestar. Algúns dos obxectivos deste programa son proporcionar información e asesoramento sobre os dereitos, oportunidades e recursos sociais de xeito personalizado, así como ofrecer acompañamento ás persoas, ás familias e aos diversos colectivos. Ademais, realízase a valoración e o diagnóstico social das demandas da cidadanía e facilítaselle o acceso aos recursos existentes. Tamén establece relacións e canais de participación con institucións e colectivos.
A concellaría de Benestar Social desenvolve ano tras ano un conxunto de actividades e programas para a prestación de servizos sociais, a maior parte dirixidos á atención primaria. Axudas económicas para familias numerosas, actividades de envellecemento activo para os maiores, axudas para o transporte metropolitano, a mellora de infravivendas, axuda a domicilio, transporte adaptado, programa de alimentos, axudas de emerxencia social... son algúns dos servizos e programas que se veñen levando a cabo dende este departamento e que están dirixidos á poboación do concello de Ames, en constante crecemento.
Todos os servizos sociais ofertados pola concellaría de Benestar Social están destinados a mellorar as condicións de vida dos veciños, sobre todo aqueles que presentan necesidades especiais ou falta de recursos. Así, no concello de Ames desenvólvese unha serie de servizos sociais de atención primaria entre os que se atopa este Programa de valoración, orientación e información. A atención e información que recibe cada veciño é persoal e directa e permítelle acceder aos recursos sociais existentes, mellorando así a súa calidade de vida. En datas recentes, a Deputación concedeu novamente financiación para o desenvolvemento do devandito programa ao longo do ano 2015 cunha subvención de 42.023,17 euros.




