Pestanas principais

A Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ames iniciou a segunda fase do programa de emprego Rede XIANA

Martes, 10 de xaneiro de 2012

[10-01-2012] A Deputación de Coruña en colaboración co Concello de Ames ven de iniciar a segunda fase do programa de emprego Rede XIANA na comarca de Compostela. Onte iniciáronse os talleres de empregabilidade que consisten en acción formativa en dinámicas de grupo para a mellora da capacidade de inserción laboral dos participantes. A formación terá dúas fases, a primeira durará un mes, dende o día 9 de xaneiro ao 3 de febreiro e nela levarase a cabo a formación teórica grupal. A segunda fase durará dende o 6 de febreiro ata abril e nela desenvolveranse 35 sesións de titorías personalizadas.

Para os beneficiarios da Rede XIANA no Concello de Ames tamén se desenvolverá un curso de operario de almacén a partir do día 6 de febreiro. Neste curso haberá dúas fases, unha para formación na aula e outra para a realización de prácticas non laborais en empresas. En Ames está a sede do programa da Rede Xiana para os concellos de Val do Dubra, Santa Comba, A Baña, Negreira, Brión e o propio Ames.

O Concello de Ames leva dende o ano 2001 sendo sede de programas e colaborando activamente na mellora da empregabilidade e na formación para o emprego con programas similares á Rede XIANA, como son o programa Inserta , Insertamos , Proximitas ou Proximitas + no que se impartiu formación en sectores emerxentes na creación de emprego como é o das enerxías renobables.

O programa Rede XIANA está cofinanciado co Fondo Social Europeo.

InserAmes V

O Concello de Ames está desenvolvendo tamén nas instalacións do edificio de usos múltiples de Aldea Nova o programa de emprego InserAmes que acada xa a súa quinta edición. Este é un programa que atende a 100 persoas desempregadas e no cal se inicia na vindeira semana a formación práctica do curso de iniciación á enfermidade do alzheimer. Trátase de prácticas non laborais que levarán a cabo as participantes en seis centros para a atención á terceira idade. Os centros nos que poderán obter a súa formación práctica os 17 alumnas deste curso serán centros de día, vivendas comunitarias ou residencias da comarca.

Bernardo Moar anuncia que dende a súa concellería se está a traballar para desenvolver diferentes accións de formación e emprego ao longo do ano

O Concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, explicou que "se está facendo un gran esforzo dende o Concello de Ames, que ten poucos recursos económicos e humanos, para facilitar a accesibilidade ao mercado laboral das persoas que non teñen emprego". Moar avanzou tamén que se "pretende ao longo deste ano 2012 facer polo menos 2 cursos máis para a inserción laboral que se poderían levar a cabo no novo Centro de Formación de Aldea Nova que o Concello inaugurará proximamente". "Esforzámonos para que a xente encontre traballo, xa que a situación é complicada" afirmou Bernardo Moar.