Pestanas principais

A Deputación comeza a xestionar as competencias en materia tributaria do Concello de Ames

Venres, 01 de febreiro de 2013

[01-02-2013] A Deputación da Coruña iniciou hoxe a xestión de competencias en materia tributaria e de sancións por infracción de tráfico do Concello de Ames. A atención presencial ao cidadán realizarase desde hoxe mesmo na oficina de Bertamiráns, situada na rúa do Ameneiral, 18 baixo -antiga oficina de Intervención-, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, ditas oficinas permanecerán abertas dous días á semana pola tarde, que serán luns e mércores en horario de 16:30 a 18:30 horas, e nas oficinas municipais do Milladoiro de 9:00 a 14:00 horas.

Esta mesma mañá, o persoal atendeu na nova oficina a cidadáns amienses, mentres que nas anteriores dependencias da empresa GTT colocouse un cartel informando da nova ubicación. O Concello informou da cuestión ao grupo socialista no pleno de onte e amplioulle hoxe os datos.

Durante os tres primeiros meses realizarase a transición coa empresa que ata o de agora levaba o servizo. Durante este período é posible que se produzan algunhas complicacións nos trámites, froito do propio proceso de transición, que se corrixirán á maior celeridade no caso de habelos.

Tamén se pon a disposición dos veciños e veciñas unha liña telefónica gratuíta de atención ao contribuínte (900 132 204) con atención directa de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Outra das canles a disposición dos veciños e veciñas será a oficina virtual da Deputación, a través da web www.dicoruna.es, que está aberta as 24 horas do día todo o ano, e na que se poden atender todas as xestións e consultas máis habituais e xerais.

No pleno do pasado mes de outubro, o alcalde de Ames lembrou que en 2012 remataba o contrato coa empresa concesionaria e que se levou a cabo unha análise do que suporía a cesión desas competencias á Deputación. Santiago Amor destacou que este cambio de modelo suporá para o Concello un aforro anual de 147.186,54 euros. O alcalde fixo fincapé en que, actualmente, o organismo provincial xestiona a recadación de 82 de 94 concellos da provincia da Coruña. Entre as vantaxes desta delegación de competencias, o rexedor fixo fincapé nos anticipos a conta que realiza todos os meses a Deputación.

Ante as vantaxes económicas e de xestión que supón esta delegación para o Concello, o rexedor amiense, Santiago Amor, subliña que “supón a mellor opción na actual situación económica”.

O Concello de Ames delegou na Deputación a xestión e recadación voluntaria e executiva de tres taxas municipais, sendo estas o IBI, o IAE e o IVTM. Ademais, a entidade provincial, a través do seu servizo de recadación, asumirá as xestións e recadación dun total de sete tributos. Entre estes, atópanse o referente ao uso privativo ou aproveitamento especial das vías públicas e os prezos públicos anuais, o uso de terrazas (colocación de mesas, chairas e outro mobiliario) e as notificacións colectivas por razóns de instalacións de postos e barracas, casetas de venta, espectáculos ou atraccións situados en terreo de uso público municipal e outras industrias ambulantes, incluídas as rodaxes cinematográficas.

Outros tributos municipais de Ames que agora pasan a ser xestionados pola Deputación son a taxa por entrada de vehículos a través de beirarrúas e por reserva de vía pública con aparcamento exclusivo. Inclúese neste paquete de competencias a recadación por infraccións de lei sobre tráfico, a recadación executiva dos prezos públicos por períodos de menos dun ano, a facultade para establecer acordos coa administración tributaria do estado en materia de colaboración e inspección en relación co IBI.