Pestanas principais

Degustacións, música e deportes na XII Festa do Chourizo ao Viño en Ortoño

Xoves, 07 de xullo de 2016

[07-07-2016] Este domingo a parroquia de Ortoño celebra unha nova edición da súa Festa do Chourizo ao Viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño. Con esta xa suman doce edicións degustando este prato, acompañándoo con albariño, e cinco dende que na mesa se incluíu tamén a orella de porco cocida. Catro actuacións musicais, un campionato de chave e a retransmisión da final da Eurocopa completan o cartel da festa.

A xornada comezará cunha misa, ás 12:15 horas. Xa ás 13:00 horas serviranse as primeiras cuncas de Ribeiro e comezaranse a servir as racións de chourizo ao viño, acompañadas por cachelos, e de orella de porco cocida. Membros da propia organización son encargados de cociñar todos os pratos: 500 racións de orella e 1000 de chourizo para dar de comer ao público. No campo da festa instalarase unha carpa para resgardar as mesas. O xantar estará amenizado polo grupo de música tradicional Os Castros e polas pandereteiras As Maianas, ambos do concello de Ames.

Mentres se serven os cafés e a sobremesa, comezará a soar a música do dúo Eva e Camiño, que acompañará á festa ao longo da tarde. Farán un descanso para deixar paso á actuación de Miguel Torres, ás 16:00 horas, un artista que leva máis de 50 anos de carreira profesional.

Xa pola tarde, chegará a quenda dos e das seareiros da chave. O XI Campionato de Chave por parellas das Festas do Chourizo ao Viño comezará ás 18:00 horas. As parellas que queiran inscribirse poderán facelo o propio día da festa ata as 17:30 horas. Os trofeos para as tres mellores parellas foron doados polo Concello de Ames. Ás 21:00 horas a chave deixará paso a outro deporte: o fútbol. A final da Eurocopa retransmitirase na propia festa. No campo da festa instalaranse tamén inchables gratuítos para que xoguen as crianzas, cedidos á organización por Tiko Doco.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ortoño acoge el domingo la Festa do Chourizo ao Viño con música y deporte"
La Voz de Galicia:"Éxito del Chourizo ao Viño de Ortoño"
El Correo Gallego:"Ortoño mantén o tirón da súa Festa do Chourizo ao Viño"