Pestanas principais

Degustación de pratos no Encontro Intercultural deste sábado no Milladoiro

Mércores, 14 de setembro de 2016

[14-09-2016] O vindeiro sábado 17 de setembro Ames volve celebrar un Encontro Intercultural. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, a partir das 17:00 horas, a toda aquela veciñanza que queira participar na degustación dos pratos preparados por varias familias afincadas en Ames. O encontro coincide cunha actuación coa que as Batuko Tabanka clausuran a exposición “Galicia-Cabo Verde: unha irmandade” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade retoma este ano a celebración anual do Encontro Intercultural. Este evento, nado no ano 2008, busca mellorar a convivencia no municipio, crear lazos e dar a coñecer as culturas das familias que cada ano fan de Ames o seu fogar a través de algo “tan cotiá como comer e compartir alimentos”, explica a concelleira Luísa Feijoo. A veciñanza é convidada a aprender sobre as culturas e países de orixe dos cociñeiros e cociñeiras nesta tarde de convivencia. A partir das 17:00 horas abriranse as portas da Casa da Cultura do Milladoiro e, en torno ás 18:00 horas, terá lugar unha sesión de contacontos para as crianzas.

“Quixemos retomar estes encontros, que se deixaron de facer no ano 2011”, afirma a concelleira. “Esta actividade chegou a reunir a numerosos participantes”, engade, “con moitas deles mantemos o contacto porque foron atendidas pola Oficina de Atención ao Migrante”. Ao principio este intercambio de gustos e sabores tiña lugar nas aulas de castelán e galego impartidas polo Concello ás persoas emigrantes chegadas a Ames. Decidiuse trasladar a actividade para contar coa asistencia de toda a veciñanza.

Algunhas das familias que se prestaron a participar na degustación elaborando os pratos deste sábado 17 xa foran partícipes de xuntanzas anteriores; son elas as que moitas veces contactan con outros fogares e amizades, veciños e veciñas de Ames, para convidalos a unirse ao evento. A concelleira expresou así mesmo o seu desexo de que cada vez máis veciños e veciñas amesás “os que se animen a achegarse ao encontro”.

Esta xornada coincide coa clausura da exposición “Galicia-Cabo Verde: unha irmandade”, que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cedeu ao Concello de Ames. O gañador do concurso “Imaxes con Fondo” do ano 2013, o ferrolán Robert Amado, é o autor das fotografías que compoñen a mostra. Vinte paneis que retratan o día a día en dez illas do arquipélago caboverdiano, que o autor capturou coa súa cámara durante o mes que pasou alí. As imaxes permaneceron expostas na Casa da Cultura do Milladoiro entre os días 3 e 17 de setembro. As Batuko Tabanka, grupo musical formado por mulleres caboverdianas veciñas de Burela, actuará no auditorio do Milladoiro ás 19:00 horas.