[26-02-2016] O sábado, 27 de febreiro, cúmprese o 40 aniversario da proclamación da República Saharauí Democrática. No pleno ordinario celebrado este xoves no Concello de Ames alcalde, concelleiros e concelleiras, aprobaron e apoiaron unha moción coa que, nunha declaración institucional, se reitera o apoio de Ames ao pobo saharauí e á súa causa polo recoñecemento de parte do goberno español e da comunidade internacional do seu dereito á autodeterminación.
As denuncias de ACNUR demandan e critican a situación crítica na que se atopan os refuxiados e refuxiadas saharauís que subsisten en campamentos mal acondicionados, que se vén severamente afectados pola climatoloxía e a moitos dos cales non chegan alimentos. As choivas torrenciais caídas en outubro provocaron que 25.000 persoas perdesen os seus fogares. Ademais, estudos de diversas organizacións entre as que se atopa o Instituto Hegoa da UPV-EHU e a Sociedade de Ciencias Aranzadi, co apoio de Euskal Fondoa, aportan luz sobre as desaparicións forzosas, encarceamentos e represión da que son vítimas os e as saharauís por parte do goberno marroquí.
A situación da poboación leva ao consistorio, nesta sinalada data, a manifestar a súa mostra de apoio á causa saharauí coa colocación dun faldón na páxina web o día 27 de febreiro. No manifesto institucional reitérase o "recoñecemento ao lexítimo goberno da RASD e o Frente Polisario". Así mesmo, dende o Concello, solicítaselle ao goberno de España "a concesión do status diplomático á representación do Frente Polisario en España" cuxa condición foi xa recoñecida pola ONU.
A declaración insta á promoción de todas as iniciativas políticas necesarias para acadar unha solución á represión e falta de liberdade do pobo saharauí, a condenar a persecución da que son obxecto os seus activistas a prol dos dereitos humanos por parte das autoridades marroquís. Ademais reclámaselle ao Estado Español que comece a traballar activamente dentro da Unión Europea e no Consello de Seguridade das Nacións Unidas para acadar unha máis estrita vixilancia e protección dos dereitos humanos no Sáhara Occidental.
Apoio ás iniciativas levadas a cabo en territorio galego en apoio ao pobo saharauí
Por último, o Concello de Ames tamén se reafirma no seu compromiso a seguir colaborando en todos os actos organizados por SOGAPS e a Delegación Saharauí para Galicia. Unha das últimas actividades da SOGAPS que conta coa participación amesá é a quinta edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en paz.
Esta cea, que terá lugar o vindeiro 5 de marzo ás 21:00 horas no Hotel Congreso, no concello de Teo, recadará fondos para o Vacacións en Paz. Esta iniciativa financia os billetes de avión de nenos e nenas saharauís que pasan o verán en Galicia.O ano pasado un total de 17 rapaces e rapazas foron acollidos por familias de Ames, Brión, Teo e Santiago. Para asistir á cea pódese contactar con Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45.




