Pestanas principais

Declaración institucional do Concello de Ames con motivo do día internacional para a eliminación da violencia de xénero

Luns, 25 de novembro de 2013

[25-11-2013] Con motivo do día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o Concello de Ames manifesta o seu máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres.

A violencia, que nas súas distintas formas se exerce contra as mulleres, constitúe a mais clara manifestación das desigualdades que persisten entre mulleres e homes, constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade mais xusta e igualitaria.

As situacións de violencia de xénero requiren unha resposta coordinada, eficaz e interdisciplinar por parte das distintas administracións.

A través da mellora da coordinación interinstitucional e da garantía dos dereitos que o noso ordenamento xurídico recoñece ás vítimas e aos seus fillos e fillas, preténdese alcanzar unha resposta máis eficaz, centrada na prevención da violencia de xénero, unha mellor protección das mulleres e dos seus fillos e fillas e unha atención personalizada que contribúa á súa recuperación integral.

Por iso, resulta imprescindible xuntar todos os esforzos para facer fronte a este grave problema público e social, apelando á unidade de todas as forzas políticas e das Administracións Públicas, contando coa implicación da sociedade no seu conxunto e apoiando o labor das organizacións especializadas da sociedade civil.

Consciente da necesidade de seguir avanzando neste ámbito, o Concello de Ames reitera o seu compromiso co obxectivo de alcanzar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e os dereitos que lles son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática.