[25-07-2014] O Concello de Ames quere unirse á conmemoración do Día de Galicia, unha xornada festiva cargada de simbolismo na que todos e todas debemos aproveitar para lembrar os principios e valores que nos cohesionan como pobo. É unha efeméride para reflexionar sobre a nosa identidade como país e pensar no futuro, mirando sempre cara adiante con optimismo e ilusión. Temos unha lingua, unha cultura e unha terra que nos enchen de orgullo, e temos un pobo forte e emprendedor sobre o que cimentar a nosa recuperación económica.
No Día de Galicia, o Concello de Ames quere unirse á conmemoración do gran día de todos os galegos e galegas, unha xornada na que homenaxeamos á nosa terra, á nosa identidade e á nosa lingua. Neste 25 de xullo de 2014, o Concello de Ames amosa un ano máis o seu firme compromiso con todos os veciños e veciñas amienses e a súa aposta por reforzar todo aquilo que nos une como pobo, sumando esforzos e traballando todos xuntos en favor dos intereses do noso municipio. Temos un compromiso con Ames, cos amienses e, en definitiva, con toda Galicia.
Neste 2014 temos que ter un especial recordo para os familiares e amigos das persoas falecidas no tráxico accidente ferroviario que aconteceu o pasado 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela. Nestes días de lembranzas, o Concello de Ames reitera a súa solidariedade e apoio a todas as familias afectadas por este tráxico suceso que ocorreu o ano pasado na curva da Grandeira, en Angrois.
Queremos que este Día de Galicia nos sirva a todos e a todas para loitar por conservar o que temos, os nosos sinais de identidade, a nosa lingua e a nosa cultura. O obxectivo principal que nos marcamos é traballar para mellorar o benestar dos cidadáns de Ames, un esforzo co que contribuímos a aportar o noso gran de area ao progreso de Galicia.
Con todo, somos conscientes de que aínda queda moito por facer, especialmente nun contexto como o actual. E é que non seríamos fieis ao espírito que inspira esta conmemoración do Día de Galicia se nos esqueceramos dos problemas que afrontamos a día de hoxe todos os galegos e galegas. Ante esta situación, o Concello de Ames afronta o futuro con esforzo, traballo e ilusión e coa sólida intención de seguir traballando polo benestar dos nosos veciños e veciñas.
Con estas premisas, o Concello de Ames seguirá facendo os esforzos necesarios para seguir prestando servizos e tentar contribuír á mellora das condicións de vida dos cidadáns amienses. A situación económica e financeira non debe influír na calidade dos servizos, senón que debe servir de estímulo para melloralos e facelos extensibles a máis xente. Por tanto, aproveitemos esta data para coller novo pulo e procurar entre todos axeitadas solucións colectivas, apoiándonos no moito que nos une, sen ningunha dúbida, o progreso de Ames.




