[29-07-2013] O Concello de Ames, con motivo da celebración do seu pleno ordinario, quere manifestar o seu pésame a todos os familiares e amigos das persoas falecidas, e expresar a súa solidariedade cos familiares e amigos dos feridos no tráxico accidente ferroviario que aconteceu o pasado 24 de xullo en Santiago de Compostela. Así mesmo, acorda sumarse ao loito oficial decretado pola Xunta de Galicia.
A Corporación Municipal, en nome de todos os veciños e veciñas de Ames, agradece as mostras de solidariedade que moitos cidadáns manifestaron, axudando nun primeiro momento no lugar do sinistro, acudindo a doar sangue ou poñendo á disposición dos familiares roupa e auga. Tamén destaca a profesionalidade e dedicación dos efectivos de emerxencias: Garda Civil, Bombeiros, Policía e Protección Civil, así coma os integrantes do 112 e os membros de Cruz Vermella, ó igual que todo o persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde e o traballo do ERIE Psicosocial (Equipos de Resposta Inmediata en Emerxencias), que durante todo este tempo atenderon as necesidades dos afectados, así como a todas as persoas que anonimamente quixeron axudar ante a traxedia.
Nestes momentos difíciles, a corporación amiense reitera a súa solidariedade e apoio a todas as familias afectadas e os seus desexos dunha pronta recuperación.




