Pestanas principais

DECLARACIÓN DO GOBERNO NO DÍA DE GALICIA

Martes, 24 de xullo de 2012

[24-07-2012] O Concello de Ames quere unirse á conmemoración do Día de Galicia, unha xornada festiva cargada de simbolismo na que todos e todas debemos aproveitar para lembrar os principios e valores que nos cohesionan como pobo. É unha efeméride para reflexionar sobre a nosa identidade como país e pensar no futuro, mirando sempre cara adiante con optimismo e ilusión.Temos unha lingua, unha cultura e unha terra que nos enchen de orgullo, e temos un pobo forte e emprendedor sobre o que cimentar a nosa recuperación económica.

O Concello de Ames quere amosar a súa implicación institucional coa celebración do Día de Galicia, e tamén o seu compromiso con todos os veciños e veciñas de Ames, así como a nosa firme intención de seguir traballando en favor do seu benestar de forma sostida no tempo. Con  estas premisas, o Concello seguirá facendo os esforzos necesarios para seguir prestando servizos e tentar contribuír á mellora das condicións de vida dos cidadáns amienses. A situación económica e financeira non debe influír na calidade dos servizos, senón que debe servir de estímulo para melloralos e facelos extensibles a máis xente. Por tanto, aproveitemos esta data para coller novo pulo e procurar entre todos axeitadas solucións colectivas, apoiándonos no moito que nos une, sen ningunha dúbida, o progreso de Ames.