Pestanas principais

Declaración do Concello de Ames con motivo do Día Internacional da Muller

Sábado, 08 de marzo de 2014

[08-03-2014] Os Concellos e Deputacións do país traballan diariamente para xerar altos niveis de emprego, produtividade e cohesión social, acorde coa estratexia de crecemento da Unión Europea para a próxima década.

Queremos que Ames posúa unha economía intelixente, sostible e integradora, e consideramos que só alcanzaremos o nivel desexado de desenrolo se construímos unha sociedade igualitaria, sen discriminacións nin prexuízos relativos ó xénero, e libre de violencia contra as mulleres. Non se pode falar de avances e crecemento cando unha sociedade convive con manifestacións de discriminación, de inxustiza e maltrata ás mulleres, que son a máxima expresión de discriminación por razón de xénero e de non garantía do principio de igualdade de trato e de oportunidades.

No Concello de Ames, a igualdade, a non discriminación e a loita contra a violencia de xénero son principios básicos de actuación, facendo chegar á sociedade programas de sensibilización, formación, visibilidade das boas prácticas, así coma a prestación de servizos para vítimas de violencia de xénero.

O Concello de Ames manifesta a súa vontade de continuar impulsando un cambio nas relacións de xénero para acadar un equilibrio xusto nos roles, só factible a través da corresponsabilidade entre mulleres e homes. De aí, a importancia da intervención de todos os actores sociais á hora de promocionar e estender as medidas de apoio á conciliación e entre elas unha racionalización de horarios que impulse a conciliación entre vida persoal, laboral e familiar, para avanzar cara unha sociedade máis equilibrada e xusta.

Partimos do convencemento de que esta é a liña a seguir para avanzar na construción dunha sociedade xusta e igualitaria, que conta coa participación da muller en todos os niveis da vida pública, e seguiremos traballando dende a responsabilidade e a coordinación entre todas as instancias, necesitando para elo a colaboración de todas e todos.