[14-10-2014] A falta de dous días para o peche do prazo de inscrición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames xa se superan os 700 inscritos entre todas as categorías. Esta proba deportiva terá lugar o domingo, día 19 de outubro, na localidade de Bertamiráns. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 13 categorías, con premios para os tres primeiros clasificados. Un Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo encargarase de supervisar a carreira. En todas as probas, os puntos de saída e chegada serán os arredores do Pazo da Peregrina, na Avenida de José Luís Azcárraga. Os corredores deberán colocarse na zona de saída dez minutos antes de comezar a súa proba.
A décimo quinta edición da Carreira Pedestre do Concello de Ames camiña con paso firme cara o récord de participación; a este feito axuda a súa inclusión dentro do II Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, o que suporá a disputa de dúas competicións dentro da proba: a da carreira popular e a do circuíto da Deputación.
Cómpre lembrar que as probas terán un novo escenario de saída e meta, que estará situado na avenida José Luís Azcárraga, a carón do Pazo da Peregrina, onde todo o público asistente poderá gozar do espectáculo atlético da xornada. Ademais, nesta edición tamén se habilitará un servizo de entrega de dorsais o día previo á competición no propio Pazo da Peregrina e en horario de 17:00 a 20:00 horas, onde todos os participantes poderán evitar as colas provocadas pola afluencia masiva de atletas o día da proba.
A xornada deportiva do domingo 19 de outubro comenzará coa disputa da proba absoluta sobre un novo trazado que sube ata os 10,170 km (8 km na edición do 2013) e que levará aos corredores ata aldea de Sisalde, un fermoso percorrido pola natureza do concello realizado integramente sobre superficie asfaltada. Ás 12:00 horas do mediodía os deportistas en idade escolar terán o seu protagonismo coa disputa das probas pitufo (2010 e posteriores), prebenxamín (2007/08/09), benxamín (2005/2006) e alevín (2003/2004), todo elo entre as 12:00 e as 12:20 horas; para finalizar a competición os atletas infantís (2002/2003) e cadetes (2000/2001) pecharán a xornada atlética que dará paso a entrega de premios que terá lugar no mesmo lugar.
As inscricións poderán realizarse online a través das webs www.concellodeames.org , www.carreirasgalegas.com e www.emesports.es . Os interesados/as tamén se poden inscribir de xeito presencial nas tendas de deportes situadas en Bertamiráns; Deportes Metrópolis e Amesport. O prazo de inscrición amplíase ata o vindeiro xoves, 16 de outubro, ás 14:00 horas.






