Pestanas principais

A décima edición do FestiVal da Maía chega este sábado a Bertamiráns da man de Maianas

Xoves, 15 de marzo de 2018

[15-03-2018] O FestiVal da Maía chega á súa décima edición e volve este sábado á Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento, organizado por Maianas e pola Asociación Cultural Val da Maía, quere achegarlle ao público de Ames e da súa contorna o traballo de diversos grupos galegos arredor da nosa tradición musical. O FestiVal dará comezo ás 20:00 horas e a entrada será gratuíta.

Neste décimo FestiVal da Maía, o grupo Maianas quere agradecerlle á veciñanza de Ames o seu apoio e compañía durante a última década e celebrar con ela un encontro familiar. É por iso que as formacións que este ano acompañarán a Maianas son vellas coñecidas do FestiVal e as pezas que interpretará o grupo amesán serán das máis populares.

No X FestiVal da Maía actuarán como artistas convidados Coribantes, unha banda de gaitas de Ponte Caldelas que introduce ritmos e instrumentos que adoitan ser pouco frecuentes neste tipo de formacións, como a guitarra, a batería ou o violín, entre outros; o grupo de murga o Ghusto do Boi, de Boqueixón; a formación Enxebres de San Lázaro, que rende tributo aos clásicos gaiteros composteláns; e os músicos de Follas Novas, unha asociación tamén de Ames que leva anos traballando pola divulgación da música tradicional.

As cantareiras Maianas, de Ames, actuarán como formación anfitrioa e repasarán algúns dos seus temas máis coñecidos. O grupo, que naceu no obradoiro de música tradicional do concello de Ames, fai o seu décimo aniversario. Maianas gañou no 2012 o concurso da Radio Galega ‘Vas sacar nota?’ e no 2015 o ‘Novos Valores’ do Festigal. As pandereteiras teñen publicado dous discos, Xota da Amaía (2006) e Como Canta (2011), e actualmente están a preparar a gravación dun novo traballo.

Contido relacionado


Lindeiros: "X FestiVal da Maía esta fin de semana en Ames"
Compostela 24 Horas: "El FestiVal da Maía llega este sábado a Bertamiráns"
Ames Go: "A décima edición do FestiVal da Maía chega este sábado a Bertamiráns da man de Maianas"