Pestanas principais

A décima edición da Feira do Comercio Val da Maía celebrarase os días 9, 10 e 11 de maio

Mércores, 16 de abril de 2014

[16-04-2014] A Mesa Local de Comercio acaba de aprobar por unanimidade a celebración da X Feira do Comercio Val da Maía, que se desenvolverá o segundo fin de semana do mes de maio. Deste xeito, dáse cumprimento á Lei 13/2010 de Comercio Interior de Galicia. Este ano a organización deste evento correrá a cargo da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e contará coa colaboración do Concello de Ames. Nesta iniciativa comercial participarán varias empresas da ACB; da AEMI; da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar; da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e aquelas que teñan o seu domicilio social en Ames. O Concello comprometeu o seu apoio, tanto en persoal como económico, para a celebración do evento.

A X Feira do Comercio Val da Maía terá lugar este ano no pavillón polideportivo de Bertamiráns e os stands que participarán ocuparán unha superficie de 400 metros cadrados, repartidos entre expositores de diversos sectores do comercio amiense coma o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía fogar e regalos.

Nesta iniciativa comercial participarán establecementos asociados ás catro asociacións amienses: Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI); Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB); Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.

Ademais de poder comprar diversos produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á X Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica. Deste xeito, instalarase no recinto unha cafetería. Ademais, tamén se ofrecerá de balde un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado. Este servizo, que estará dirixido a nenos de entre 2 e 12 anos, ofrecerase en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 h a 20:30 horas.

Como complemento do servizo de gardaría haberá inchables gratuítos para entreter aos nenos/as e deste xeito facilitarlle as compras aos pais e nais. Os inchables estarán situados ao lado da cafetería na que se podería denominar zona de servizos. Haberá tamén un servizo exterior de inchables instalado nunha carpa para nenos de entre 2 e 12 anos. Os inchables contarán coa supervisión de monitores. No eido gastronómico, incluiranse varios postos de churros, rosquillas e xeados. Tamén haberá un posto de venda de polbo, carne o caldeiro e churrasco para todas as persoas que queiran xantar na feira.

Trala reunión da Mesa Local de Comercio, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, explicou que “despois de que o ano pasado por primeira vez a Feira do Comercio se celebrase no Milladoiro, este ano volve a realizarse na localidade de Bertamiráns. A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns será a encargada de organizar este evento e contará coa colaboración do Concello de Ames”. Bernardo Moar tamén destacou que “este tipo de iniciativas teñen unha gran importancia para dinamizar o comercio local e para atraer novos clientes non só de Ames senón tamén dos concellos limítrofes”.

Mesa Local de Comercio
Na xuntanza da Mesa Local de Comercio, celebrada o 15 de abril, e que estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, estiveron representadas as catro asociacións de profesionais e comerciantes do concello. A este encontro tamén asistiron o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, a concelleira de Medio Ambiente, Sanidade, Cultura, Deportes e Benestar Social, María Eugenia Martín; a secretaria accidental do Concello de Ames, Concepción Vilas; o axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ames, Jorge Couñago; unha representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, María Carmen García; e un representante da Unión de Consumidores de Galicia, Óscar Porral.

Por parte das asociacións de profesionais e comerciantes do concello asistiron Juan José Fernández, secretario da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; Juan Carlos Zaera, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Salomé Blanco, representante da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.