Pestanas principais

De Vacas na praza Manuel Murguía e XVIII Encontro de motos históricas este domingo

Venres, 17 de xuño de 2016

[17-06-2016] Este domingo a praza Manuel Murguía contará, grazas ao programa “Cultura no Camiño 2016”, coa música de De Vacas. O grupo formado polas vocalistas Faia Díez, Inés Salvado e Paula Romero e o guitarrista Guillerme Fernández actuará a partir das 13:00 horas.

De Vacas fixo a súa presentación en sociedade a través dun vídeo de YouTube, publicado en abril de 2015, no que versionaban a canción “Gangma Style” do coreano Psy. Dende entón o vídeo xa foi reproducido máis de 27.000 veces. Comezaron a ofrecer concertos en distintas salas e prazas de Galicia. Animadas polo guitarrista Guillerme Fernández mudaron a súa idea orixinal de versionar unicamente ás Spice Girls e atrevéronse con “De noche y de día”, de Enrique Iglesias, o “Single Ladies” de Beyoncé ou o “Dragostea Dintei”, do grupo rumano O-Zon.

Participaron no festival Feito A Man de Santiago de Compostela, no TEDxGalicia 2015 ou pisaron os platós da televisión galega. Máis recentemente compuxeron a canción oficial do festival Cans de cine, celebrado en Porriño. Este venres domingo ás 13:00 horas actuarán por primeira vez no Milladoiro.

A programación cultural de verán de Ames continuará o domingo 3 de xullo co actuación das “Fillas Bravas”, espectáculo do grupo de teatro Chévere. Tanto o concerto de “De Vacas” como a obra “Fillas Bravas” son cofinanciadas pola Xunta de Galicia e o Concello de Ames, polo que a asistencia a ambos eventos é libre e gratuíta.
XVIII Encontro de Motos Históricas no concello de Ames
O Motoclube de Teo organiza tamén o domingo 19 o XVIII Encontro Anual de Motos Históricas. Comezará ás 12:00 horas cun percorrido en moto de máis de 50 quilómetros polas parroquias do Concello, con saída en Bugadillo. Ao seu remate o encontro continuará cun xantar no Milladoiro. As motocicletas quedarán estacionadas na rúa da Buxo, ao carón da estación de servizo do Parque Empresarial Novo Milladoiro, á vista das persoas curiosas e das amantes deste medio de transporte.

Este encontro permitirá ás persoas participantes percorrer un tramo do Camiño de Fisterra entre Augapesada e a Pontemaceira ou achegarse á praia fluvial de Tapia. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradécelle ao motoclub Teo “que nesta ocasión escolleran o concello de Ames na súa cita anual” e deséxalle unha boa viaxe.


Contido relacionado


El Correo Gallego"Actuación de De Vacas y Encontro de motocicletas antiguas en O Milladoiro"