Pestanas principais

David Palmas, capitán do Santiago Futsal, apadriña a XI Gala do Deporte do Concello de Ames

Sábado, 04 de febreiro de 2017

[04-02-2017] O Concello de Ames está ultimando os detalles da Gala do Deporte de Ames, que cumpre este ano o seu décimo primeiro aniversario. Este ano como novidade, a veciñanza amesá poderá elixir ao mellor deportista de Ames do ano 2016. Para iso haberá que votar ata o 8 de febreiro na enquisa que se acaba e publicar na páxina web do Concello. Ademais, este ano ao igual que na pasada edición, os nomes dos premiados e premiadas non se darán a coñecer ata o momento mesmo da celebración do evento. A Gala celebrarase o venres, 10 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A Gala do Deporte chega novamente a Ames o próximo venres, 10 de febreiro, ás 20:30 horas. No evento farase entrega dos premios aos mellores deportistas masculinos e femininos do ano 2016, así como ás promesas do deporte amesán. Outra das categoría que serán recoñecidas son as de mellor club e mellor xogador/a dun equipo de Ames. Finalmente o Concello de Ames entregará o premio colabor@mes á entidade amesá GST telecomunicacións que participa e colabora nos eventos deportivos do ano, e o recoñecemento especial que será para José Ramón Mato Lago, presidente do Club de piragüismo do Ribeiras do Tambre, que durante os últimos 25 anos conseguiu numerosos éxitos.

Por primeira vez a XI Gala do Deporte do Concello de Ames terá unha nova categoría na que a veciñanza poderá votar para elixir ao mellor deportista do 2016, entre catro candidatos propostos polos éxitos que conseguiron ao longo do pasado ano. Así, o premio especial do público elixirase entre o xogador de squash Borja Golán pola vitoria no Campionato Europeo; Moncho Mirás pola vitoria do campionato de España de peso Galo e a revalidación do título en 2016; Nadia Iglesias polo subcampionato Europeo de patinaxe, así como a vitoria do campionato de España, Galego e provincial xuvenil; e Fernando Seoane, como mediocentro indiscutible do Lugo en segunda división.

Ao igual que na edición pasada, os/as premiados/as non se coñecerán ata o mesmo día do evento dando así maior emoción e suspense ao evento. Este ano a Gala do Deporte contará cun padriño de luxo, ao igual que o ano pasado. Se en 2016 contou con Moncho Fernández, actual adestrador do Obradoiro CAB, este ano está apadriñada por David Palmas, capitán do Santiago Futsal. Durante este evento haberá diversas actuacións e proxectaranse vídeos sobre os deportistas amesáns. Ademais da exhibición das escolas deportivas, haberá unha exhibición de breakdance, e por segundo ano consecutivo, unha exhibición dos clubs deportivos e un número especial.

"O nivel dos candidatos e candidatas deste ano supera todos os límites e amosa a boa saúde que atravesa o deporte en Ames", estas son palabras do concelleiro de Deportes e alcalde de Ames, José Miñones, que salienta o currículo deportivo dos/as deportistas amesáns, que se amosará na Gala do vindeiro venres. Campións de Europa, España, Galegos e Provinciais en numerosas disciplinas deportivas estarán na XI Gala do Deporte de Ames, que será a de maior nivel dos últimos anos. "Moitos dos candidatos non acadarán o premio final pero para nós todos e todas son gañadores/as e un orgullo para Ames" sentenza Miñones.

Estes son algúns dos títulos acadados durante 2016 por deportistas de Ames: Campionato de Europa de squash, subcampionato de Europa de patinaxe xuvenil, campión de España de boxeo peso galo, campionato de España de patinaxe, Campionato de España de squash absoluto, Campionato de España de paddle Surf, Medalla de prata no Campionato de Europa absoluto de golf por equipos, Medalla de ouro no Campionato de España de billar, medalla de ouro no Campionato de España de natación, Campionato de piragüismo infantil e numerosos campionatos Galegos de bádminton, squash, atletismo, xadrez e patinaxe.